Deputación de Lugo

Máis de 1.300 persoas participaron nas actividades de multiaventura e deporte de Km0 dende a súa posta en marcha

Imaxe deputación de lugo
A alternativa máis demandada da modalidade Xtreme do programa medioambiental da Deputación foi a das viaxes en helicóptero, que fixeron unhas 800 persoas de tódalas idades, de entre 9 e 90 anos Un grupo de 24 rapaces do CPR Nosa Señora da Asunción de Sarria viaxou hoxe a Ribadeo para facer percorridos en segway, mentres que 55 alumnos do IES Val do Asma de Monforte estiveron tamén na vila mariñana para coñecer a ría e o casco histórico

As actividades de multiaventura e deporte programadas pola Deputación de Lugo dentro da modalidade Extreme do programa Km0 atraeron a máis de 1.300 persoas de tódalas idades dende a súa posta en marcha hai 3 anos. De entre as 25 alternativas posibles, a máis demandada foi a das viaxes en helicóptero, que fixeron unhas 800 persoas de entre 9 e 90 anos. O Km0 Xtreme inclúe outras opcións como viaxes en globo, bicicleta de montaña, rutas en segway, tiro ó arco, escalada, vela, catamarán, kayak, esquí náutico, surf e windsurf, entre outras.

A programación de rutas desta semana arrancou hoxe precisamente cunha actividade do Km0 Xtreme, que realizaron en Ribadeo 24 rapaces do CPR Nosa Señora da Asunción de Sarria e consistiu nun percorrido en segway polo monte de Santa Cruz. A Mariña é o destino máis demandado polos participantes de Km0, o que contribúe a levar visitantes á zona fóra de tempada, contribuíndo deste xeito a desestacionalizalo turismo. De feito, dende a posta en marcha do programa, en 2008, achegáronse á comarca 10.500 persoas.

O grupo de escolares de Sarria foi recibido no Pazo de San Marcos polo Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, xunto a outros 55 estudantes do IES Val do Asma de Monforte, que tamén viaxaron hoxe a Ribadeo, aínda que neste caso para visitar a ría e o casco histórico da vila mariñana. Deste xeito, trala recepción na sede da Deputación, os rapaces sarrianos coñeceron as instalacións da Fundación TIC e, xa en Ribadeo, comeron no restaurante Marinero para iniciar despois os percorridos en segway. No caso dos monfortinos, coñeceron a olería de Bonxe para desprazarse seguidamente a Ribadeo, onde comeron no restaurante O Gaiteiro, fixeron unha travesía en barco pola ría, subiron no ascensor panorámico de Porcillán, pasearon polo casco histórico e coñeceron o Convento das Clarisas.

Mañá mércores, A Mariña volverá a ser destino dunha das rutas organizadas, pois 55 integrantes da Asociación de Veciños de Cabreiros, de Xermade, redescubrirán o municipio do Vicedo e os seus arredores. O percorrido arrancará no mazo de Santa Comba e continuará cunha comida no restaurante vicedense Area Grande e con visitas a Estaca de Bares, ó Miradoiro do Semáforo, e ó porto e á praia de Arealonga. O outro itinerario preparado para mañá farano 55 membros da Coral Polifónica Xolda de Lugo e comezará no Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) da Deputación para seguir en Pedrafita do Cebreiro, onde os participantes comerán no restaurante San Girald de Aullirac, farán un treito do Camiño de Santiago, e visitarán a igrexa de Santa María la Real, unha palloza e o monte da Cruz.

As dúas últimas rutas da semana terán lugar o xoves: 48 usuarios do Centro de Convivencia de Fingoy, en Lugo, viaxarán a Pantón e outros 48 integrantes do colectivo O Balneario de Céltigos, de Sarria, estarán en Ribadeo. O grupo de lucenses iniciará o seu percorrido coñecendo a olería de Bonxe, despois comerá no restaurante Os Castros de Ferreira de Pantón e visitará a igrexa de Atán, Pombeiro e a Bodega Moreiras. Pola súa banda, os sarrianos estarán na Insua de Burneiros e A Fervenza, e xa en Ribadeo, comerán no restaurante Cofradía de Rinlo e coñecerán as cetáreas deste pobo ribadense, as praias de AS Catedrais e os Castros e o aeródromo de Vilaframil.

127 alternativas
Na súa 4º tempada Km0.Deputación de Lugo mantén 127 rutas que transcorren polos 67 Concellos da provincia co fin de levar novos ingresos á totalidade dos municipios lucenses mediante visitas guiadas nas que miles de persoas redescobren as riquezas e particulares de cada un deles. Tendo en conta a súa diversidade, a institución desglosa Km0 en 3 modalidades, garantindo a posta en valor da variedade provincial e a participación de persoas de todas as idades. Son as seguintes: Km0 tradicional, con 88 rutas polas comarcas lucenses; Km0 Xtreme, que inclúe 25 alternativas para gozar de Lugo mediante a multiaventura e o deporte; e Km0 a Compostela, a programación que, máis alá do Ano Santo, promociona todas as rutas do Camiño ó seu paso pola provincia, incluídos os da Costa e do Inverno.

Como apuntarse
Todos os interesados en participar na programación medioambiental poden inscribirse chamando ó 982-26-74/75 ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org. A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita 3 modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos), nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425) ou dende a web da Deputación, contando cunha vantaxe: o desconto do 10% do custe total.