Deputación de Lugo

A Deputación investiu 180.000 euros na adecuación de 6 centros sociais que dan servizo a mil veciños da Pastoriza

O Presidente supervisou as obras acometidas no centro veciñal de Reigosa, tras completarse a súa posta en funcionamento coa dotación de material e mobiliario As amplas instalacións, financiadas con 340.0000 do POS, impulsarán a actividade do colectivo local de veciños, que organiza xa diversas actividades formativas e de lecer

A Deputación de Lugo investiu uns 180.000 euros no último ano na construción ou rehabilitación de 6 centros sociais na Pastoriza, que dan servizo a un milleiro de veciños –o 30% da poboación- e supoñen un impulso fundamental á rede de locais veciñais que o Concello está a poñer en marcha para dinamizalo rural e fixar poboación. O Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, ofreceu este balance ó supervisar as obras acometidas no centro social de Reigosa, o último habilitado no municipio, tras completarse a súa posta en funcionamento coa dotación de material e mobiliario nos últimos meses. Besteiro participou no descubrimento da placa conmemorativa da construción do edificio, un acto que se fixo coincidir cun encontro de confraternidade organizado por segundo ano consecutivo pola asociación veciñal da parroquia precisamente a raíz da creación destas instalacións. Na xuntanza participou un centenar de veciños.

O centro social de Reigosa, o casco urbano máis importante do Concello, tralo da Pastoriza e Bretoña, construíuse cun orzamento de 340.000 euros achegados por Goberno Central, Deputación e Concello a través de catro anualidades do Plan de Obras e Servizos (POS), entre o 2008 e o 2011. A achega do organismo provincial foi de 85.000 euros, mentres que a Administración estatal e a local sufragaron o 50 e o 25%, respectivamente.

O Presidente destacou que “este é un exemplo de como o traballo conxunto entre administracións fai posible pequenas obras, pero non por iso menos importantes, pois teñen unha profunda relevancia social e contribúen a algo tan urxente hoxe na provincia como é dinamizalo rural, facer máis vivas e acolledoras as nosas aldeas, para fixar poboación”.

A posta en marcha das amplas e modernas instalacións de Reigosa, con dúas plantas e un superficie de 200 metros cadrados, servirá de feito para impulsar a actividade da asociación veciñal desta localidade, pois, como explicou a súa presidenta, Elba María Sandamil, “estabamos utilizando as antigas escolas e quedábasenos algo pequeno o espazo. Agora, co novo centro social, temos máis dispoñibilidade e xa estamos organizando actividades para as próximas semanas, como cursos de manualidades e de cociña”. Este colectivo creouse hai catro anos e conta con medio cento de socios. O centro social do que xa pode facer uso esta agrupación, ó igual que os veciños e asociacións do resto do Concello, co fin de celebrar actividades de formación ou lecer, conta na planta superior cunha aula de formación e oficinas, e na baixa, con cociña, almacén, aseos e un local para actos de diversa índole.


Rede municipal de centros
Os centros sociais que contribuíu a poñer en marcha a Deputación, a través de axudas achegadas dende diversos departamentos, son os dos seguintes núcleos rurais: Reigosa, Gueimonde, Aguarda, Corvelle, Crecente e Álvare. O Alcalde pastoricense, Primitivo Iglesias, destacou que as achegas da Deputación neste ámbito “son boa proba da proximidade da Deputación ós pequenos municipios. A pesar de que hai xente que nestes momentos está a cuestionar o papel destas institucións, iniciativas coma estas poñen de manifesto que sen a súa axuda os Concellos carecerían de moitos servizos e iniciativas de desenvolvemento, porque sería imposible poñelos en marcha en solitario”. Xunto a estes locais sociais que contaron con apoio da Deputación, o Concello tamén promoveu a adecuación de locais en Rigueira e San Cosme, a través dun obradoiro de emprego, e en Bretoña e Fonmiñá. Deste xeito, actuouse en 10 das 19 parroquias do municipio pastoricense, que agrupan ó 65% da poboación total.

A Deputación está a realizar un grande esforzo inversor neste municipio da Terra Chá. En total, ó longo dos últimos catro anos investíronse máis de 3 millóns de euros en diversas actuacións que permitiron impulsar este municipio e que beneficiaron ós máis de 3.600 pastoricenses. Ademais das obras citadas, a Deputación destinou máis de 30.0000 euros á mellora con aglomerado en quente, porque dura máis tempo, de dúas estradas provinciais: a que vai de Castro de Rei a Bretoña e Lindín, e a que comunica A Xesta con Carrizal.

Así mesmo, dentro do Plan de Comunidades Veciñais executáronse 16 actuacións para as que se destinaron 156.000 euros. A boa xestión protagonizada pola Deputación permitiu dotar a este municipio dunhas instalacións deportivas de calidade como a construción dunha piscina climatizada (1,6 millóns de euros) e a remodelación do campo de fútbol de Acebreiro (131.000 euros).