Deputación de Lugo

O CENTRAD remata os obradoiros infantís gratuítos de Semana Santa, coa entrega de diplomas ós 45 nenos participantes

A Deputada de Deseño e Artesanía fixo entrega de diplomas ós 45 nenos que participaron nas actividades gratuítas que, previsiblemente, se estenderán ó período estivalSó restan unhas poucas prazas dispoñibles para o curso de artesanía para adultos que comezará en Mondoñedo a mediados de abril

Regina Polín fixo entrega hoxe dos diplomas que acreditan a participación nos obradoiros infantís organizados polo CENTRAD para esta Semana Santa e cos que os rapaces que tomaron parte nas actividades obteñen a súa condición de “pequenos artesáns”.

Durante tres días, 45 nenos de entre 5 e 12 anos se beneficiaron desta iniciativa gratuíta, coa que aprenderon a empregar fibras vexetais e pequenas láminas de madeira para facer obxectos coma cestas ou lapiseiros; a fabricar pequenos instrumentos musicais con cana, noces, legumes ou materiais de refugallo e a elaborar tapices con bastidores, empregando materiais coma la e algodón. A Deputación introduciu ós máis pequenos na artesanía da man de profesionais do sector, que recibiron coñecementos necesarios para facilitarlles o traballo ós pequenos con necesidades especiais, -que tamén participaron nestas actividades-, logo de recibir formación por parte de integrantes de colectivos tales como Auxilia, Once, Aspnais, Raiolas ou Síndrome de Down, durante o pasado mes de marzo. Deste xeito, tanto os nenos coma os artesáns poideron sacar o máximo partido a estes Obradoiros.

Con esta entrega remata unha nova edición dos obradoiros gratuítos que organiza a Deputación de Lugo, a través do Centro de Artesanía, dende o pasado Nadal. Nacidos coa intención de dar a coñecer entre os máis novos a tradición artesanal da provincia e axudar á conciliación da vida familiar e laboral, o seu éxito de convocatoria foi espectacular, quedando todas as prazas cubertas ó pouco de abrirse o prazo de inscrición e coa satisfacción amosada por pais e nenos. Tal e como destacou hoxe Polín, “a acollida destes Obradoiros por parte das familias e a estupenda reacción dos rapaces, son un estímulo para seguir traballando cos pequenos”, polo que a dende o Centro de Artesanía “poñeremos todo pola nosa parte para poder celebrar estes Obradoiros durante as vacacións do verán”, avanzou a Deputada.

Cursos de artesanía para adultos
Os adultos que desexen achegarse ó mundo da artesanía, aínda teñen a oportunidade de facerse con algunha praza nos cursos programados para esta primavera. Neste momento, só quedan vacantes unhas poucas delas no curso “Iniciación á olería de Mondoñedo”, que se desenvolverá nesta localidade mariñana a partires do 17 de abril. A matrícula para este curso aínda pode facerse online a través da páxina www.centrad.org. Os interesados poderán solicitar máis información en www.deputacionlugo.org, www.centrad.org ou no teléfono 982 210 066.