Deputación de Lugo

A Deputación mellora accesos a viñedos da Ribeira Sacra, favorecendo a produción de 3,5 millóns de quilos de uva

Segundo o Consello Regulador da Ribeira Sacra, as actuacións do organismo provincial facilitan o acceso a 400 hectáreas de viñedos en Sober e Belesar e contribúen ó mantemento de 550 empregosA institución adica a estas obras 160.000 euros para impulsar a economía do sur da provincia, potenciando a viticultura -que nestas zonas acada beneficios de 8,5 millóns de euros- e o turismo

A Deputación de Lugo está a realizar obras de mellora nos accesos ós viñedos de Gullufre, Os Canares, Os Corgos, A Merla e Sancosmede, no Concello de Sober, así como nos de Belesar, en Chantada, favorecendo a produción dos 3,5 millóns de quilos de uva que concentran estas zonas, segundo datos oficiais do Consello Regulador da Ribeira Sacra. As mesmas fontes indican que estas actuacións contribúen ó mantemento de 550 empregos -os viticultores destes espazos-, ademais de facilitar un volume de negocio de 8,5 millóns de euros coa venda do viño que se produce nestas superficies.

No municipio soberino, as mencionadas actuacións están dotadas de 84.000 euros, financiados pola institución luguesa e con cargo ó canon, sendo os derradeiras traballos deste plan e poñendo fin a esta débeda histórica en dito Concello do sur da provincia. O Consello Regulador mantén que estas melloras facilitan o acceso a 200 hectáreas de viñedos, favorecendo a produción de 1,5 millóns de quilos de uva que se rexistran nesta superficie. A súa venda directa xera 1,5 millóns de euros, volume de negocio que acada os 3,5 millóns de euros logo da súa transformación en viño. As mesmas fontes indican que os principais beneficiarios destas obras son os 400 viticultores destas zonas -empregos directos que a Deputación contribúe ó seu mantemento-, así como os das ducias de traballadores das 40 bodegas de Sober.

Mentres, en Chantada, o organismo provincial está a actuar na CP1804 de Touza por Belesar a LU-533. Nesta estrada, a institución luguesa está a mellorar o pavimento e a ensanchar varias zonas, concretamente, as situada nos puntos quilométricos 2,370, 4.900 e 5,670 co fin de incrementar a seguridade e favorecer o paso de vehículos de maior tamaño. Estas actuacións contan con 74.000 euros, outorgados pola Deputación de Lugo.

Tamén segundo datos oficias do Consello Regulador da Ribeira Sacra, estas obras facilitan o paso ás 200 hectáreas de viñedos existentes na zona e favorecen a produción dos 2 millóns de quilos de uva que se rexistran. A súa venda directa xera 2 millóns de euros, cantidade que se incrementa ata os 5 millóns de euros coa transformación en viño. O Consello indica que son 150 os viticultores de Belesar beneficiados destes traballos –empregos directos que se manteñen- e 7 as bodegas –beneficiarios indirectos- xunto cos seus traballadores.

Pulo á economía da zona sur

O conxunto de actuacións que executa a Deputación en Sober e Chantada impulsan a economía da zona sur da provincia, non só impulsando un sector como o da viticultura que afecta de xeito notable á sostibilidade do contorno, senón tamén potenciando un turismo de calidade. Para elo, a institución luguesa achega en solitario case 160.000 euros.