A colaboración de Deputación e Concello permite que Lugo acolla por 4º ano a Feira do Moble máis grande de Galicia
O Deputado de Cooperación cos Concellos, Juan José Díaz Valiño, e o Concelleiro de Servizos Xerais, Francisco Fraga, presentaron este xoves no Pazo de San Marcos a IV edición da Feira do Moble de Lugo. É a mostra máis grande de Galicia deste sector con 10.000 metros cadrados expositivos, que se estenderán nas instalacións do Pazo de Feiras e Congresos da capital dende o 17 ó 20 de maio. No acto, tamén participou Juan Carlos López, profesional lugués e organizador desta exposición en colaboración, ademais da Deputación e do Concello de Lugo como máximos patrocinadores, da Federación do Comercio de Lugo, da Asociación Provincial de Empresarios do Comercio do Moble de Lugo, da Confederación Española Comercios del Hábital e da Coordinadora Nacional de Secciones Agentes Comerciantes del Mueble. Entre os asistentes á presentación, atopouse Rubén López, Director Xerente do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
Díaz Valiño salientou que renovamos a nosa colaboración para converter á provincia, por cuarto ano consecutivo, no mellor escaparate mobiliario da Comunidade galega, así como un dos máis destacados en España. Reuniremos nesta feira a profesionais do sector de todo o país, contando a día de hoxe coa confirmación de 60, un 30% máis co ano pasado, mentres segue aberto o prazo de inscripción. Con estas previsións, Lugo voltará a situarse nun punto salientable do mapa estatal coa visita de miles de persoas, foron máis de 2.500 na pasada edición, que se achegarán para coñecer as últimas novidades do moble e redescubrir Lugo. Esta é unha nova oportunidade para promocionar a riqueza luguesa. Xa está ben de chorar pola crise coma fan outras administracións, temos que dar pasos cara diante que axuden a dinamizar e a incentivar a economía.
Pola súa banda, Francisco Fraga subliñou que o sector mobiliario é un importante nicho de emprego en Lugo. Temos un claro exemplo, nos múltiples negocios que se concentran no corredor cara Sarria. No Concello temos unha firme aposta polo emprego, de ahí a nosa colaboración neste evento, así como todas as actuacións que levamos a cabo para incentivar a economía luguesa, fronte ós recortes e recortes doutras administracións, que non nos levan a nada. Mentres, Juan Carlos López agradeceu á axuda de Deputación e Concello de Lugo para facer posible unha nova edición da Feira do Moble luguesa, que el mesmo presentou a profesionais de Valencia, Murcia, Zaragoza e O Porto, os cales xa confirmaron a súa presenza. É un momento moi complicado no que vemos que fabricantes que participaron na edición do ano pasado tiveron que pechar os seus negocios. Nembargantes, debido ós beneficios desta feira, o 50% dos profesionais que estiveron o ano pasado tamén o farán este.
O solo máis barato de Galicia
A mostra presentará a máis ampla oferta das tendencias en mobiliario oficial, auxiliar, xuvenil, de xardín ou terraza, así como tapizado, colchonería, iluminación ou complementos de decoración. Abarca todo o abano de posibilidades no sector mediante a participación dun nutrido número de traballadores de toda España. Tal e como avanzou o Deputado, ata o momento formalizaron a súa solicitude 60 profesionais, procedentes de Galicia, Valencia, Murcia e Toledo, principalmente, e representando un 30% máis que na anterior convocatoria onde o seu número foi 45. A previsión é que os expositores ronden os 85, tendo en conta que o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 4 de maio. Os interesados, poden anotarse, entrando en www.fmlugo.com ou chamando ó teléfono 982-285-200. Valiño tamén indicou que esta é a feira co solo máis barato de Galicia, con 10 euros o metro cadrado, un atractivo máis para participar e impulsar o sector.
Tres firmas ruras
Nacionais e internacionais fabricantes, distribuidores, importadores, exportadores, asociacións, empresas e organismos oficiais, así como cidadáns en xeral, achegaranse á Feira do Moble de Lugo. Deste xeito, xa confirmaron a súa presenza tres importadores de mobles rusos, que contan con preto de 90 tendas en dito país, ademais de recoñecidas personalidades no sector, entre eles, o Presidente e o Secretario da Confederación Española de Comerciantes de Muebles (CECOMU), Victor Grafía e Guillermo Pérez, respectivamente; o Presidente da Coordinadora de Agentes Comerciales do Moble, Jose Díaz; o Presidente do Colexio Oficial de Comerciantes (COAC) en Murcia, Juan Pedro López; a Directora da Feira do Moble de Yecla, Inmaculada Hernández; o Director Comercial da publicación El Sector del Mueble, María José Vicens; ou o Conselleiro-Delegado da revista Muebles de España, Miguel Infantes.
Volume de negocio
Na última edición, visitaron a mostra lucense máis de 2.500 persoas, acadando un volume de negocio de 1,5 millóns de euros coas vendas de mobles. A afluencia de visitantes tamén repercutíu noutros sectores lugueses como o da hostelería, incrementando o número de pernotacións de xeito notable nestas data do ano. Segundo avanzou Juan Carlos López, xa se fixeron, polo de agora, 85 reservas en hostais da capital.