Deputación de Lugo

200 agricultores e gandeiros poderanse beneficiar de accións formativas da Deputación para potenciar os cultivos ecolóxicos

O programa, centrado na actividade hortofrutícola, arrancou no Courel coa primeira das 4 xornadas organizadas, nas que os asistentes coñecen métodos de produción respectuosos co entorno e a experiencia dun produtor, ademais de recibir unha guía de boas prácticas As tres sesións formativas que restan terán lugar este venres na Fonsagrada; o día 28, en Vilalba, e o 29, en Cervantes. A inscrición na actividade, totalmente gratuíta, pode facerse no teléfono 982-26-01-47 ou no correo electrónico lugo2@deputacionlugo.orgDe maneira complementaria, o organismo provincial ofrecerá entre o 29 de maio e o 6 de xuño sesións didácticas para os máis pequenos sobre o mesmo tema en Becerreá, Castroverde, Folgoso do Courel e A Fonsagrada

A Deputación de Lugo iniciou este mércores en Folgoso do Courel un programa de catro xornadas formativas que ten como obxectivo potenciar os cultivos sostibles e ecolóxicos na provincia, en concreto no sector hortofrutícola. A iniciativa forma parte do proxecto de economía medioambiental Lug02, financiado ó 70% por fondos europeos, e está dirixido ós agricultores e gandeiros lucenses. Cada sesión conta con 50 prazas dispoñibles polo que, tendo en conta que son catro xornadas, poderán beneficiarse 200 persoas destas actividades de formación totalmente gratuítas, nas que os asistentes coñecerán métodos de produción respectuosos co medio ambiente e a experiencia dun produtor, e participarán nunha mesa redonda para resolver dúbidas, ademais de recibir unha guía de boas prácticas en hortofruticultura, en formato papel e dixital. Os interesados en inscribirse poden chamar ó número de teléfono 982-26-01-47, ou ben enviar un correo a lugo2@deputacionlugo.org

Trala xornada de hoxe no Courel, para a que se cubriu a cota de prazas dispoñibles, haberá outras tres coas seguintes datas e localizacións: este mesmo venres, a partir das 10:30 horas, no Salón de Actos do Concello da Fonsagrada; o día 28, ás 17:00 horas, na escola unitaria de Santa María da Torre, en Vilalba; e o día 29, ás 17:00 horas, no centro sociocultural de San Román, en Cervantes.

O Deputado de Goberno Interior, Miguel Ángel Sotuela Vega, participou este mércores na primeira sesión do programa formativo, enmarcado no propósito da Deputación de “facer do medio ambiente a oportunidade económica da provincia”, tendo en conta ademais que os cultivos hortofrutículas ocupan 116.747 hectáreas, preto do 12% da superficie en produción da provincia, e o sector da agricultura e a gandería dá traballo ó 22% da poboación ocupada de Lugo.

Cada unha das xornadas, de catro horas de duración, consta de catro conferencias sobre a situación da produción hortofrutícola en Lugo, a cargo de Paula Conte García, técnico de Unións Agrarias; as orientacións desta actividade en Galicia, que ofrece Miguel Soto Alborés, enxeñeiro técnico agrícola da cooperativa Ullama da Estrada; a experiencia dun produtor hortofrutícola, que relata Edmundo Maseda Maseda, que leva dez anos cultivando en réxime ecolóxico no Valadouro; e as boas prácticas na xestión de envases de produtos fitosanitarios, por Rosa María García Portugal, técnico de campo de Sigfito Agroenvases, unha entidade sen ánimo de lucro que soluciona a recollida de envases fitosanitarios. Finalmente, hai unha mesa redonda que modera José Rodríguez Blanco, secretario de Organización do sindicato Unións Agrarias.

Ademais, como colofón a este ciclo de xornadas, o 5 de xuño terá lugar unha sesión de formación práctica nunha explotación hortofrutícola, en concreto na de Edmundo Maseda, no Valadouro. Poderán participar un máximo de 40 persoas, que coñecerán deste xeito de primeira man as prácticas máis recentes que se están desenvolvendo en canto a produción sostible de produtos da horta e de froiteiras (plantación, abonado, poda, rega, recollida e conservación, entre outras), así como o aforro de recursos que supoñen e a calidade dos cultivos obtidos.

Tamén nos colexios

De maneira complementaria, a Deputación, no marco do mesmo programa formativo sobre produción sostible impulsado a través de Lug02, ofrecerá entre finais deste mes de maio e principios de xuño catro xornadas didácticas dirixidas ós máis pequenos. As actividades neste caso consistirán nunha xornada na que dous técnicos en hortofruticultura explicarán ós nenos de maneira sinxela e amena, e co apoio de material ilustrativo, a importancia de facer un bo uso dos recursos, sobre todo no referente á produción e consumo de produtos alimentarios. Os rapaces recibirán ademais un DVD con contidos interactivos que lles permitirán coñecer a fondo as prácticas, características e beneficios da agricultura sostible.

As xornadas celebraranse nos colexios, e as datas e localizacións son as seguintes: o 29 de maio, ás 12:30 horas, no CEIP San Xoán de Becerreá; o 1 de xuño, ás 11:00 horas, no CEIP de Castroverde; o 4 de xuño, ás 15:30 horas, no CPI Poeta Uxío Novoneira de Folgoso do Courel; e o 6 de xuño, ás 13:00 horas, no CEIP Santa María da Fonsagrada.