Deputación de Lugo

300 estudantes da Zona Sur, A Mariña e Lugo coñecen a riqueza natural e cultural da provincia nas rutas de Km0 desta semana

Os rapaces, de entre 3 e 17 anos, pertencen a 6 centros educativos de Monforte, Quiroga, Viveiro, Burela, Lugo e Mondoñedo O Deputado de Cooperación recibiu hoxe a 55 rapaces do IES monfortino Daviña Rey e a outros 55 do CEIP quirogués, que redescubriron Guitiriz e Burela, respectivamente

Preto de 300 estudantes da Zona Sur, A Mariña e Lugo coñecerán a riqueza natural e cultural da provincia nas rutas de Km0 que terán lugar esta semana. Os rapaces, de entre 3 e 17 anos de idade, pertencen a 6 centros educativos de Monforte, Quiroga, Viveiro, Lugo e Mondoñedo. A iniciativa da Deputación esperta o interese dos colexios e institutos lucenses como recurso didáctico para amosar ós alumnos os valores patrimoniais de Lugo, así como as características do seu tecido socioeconómico. Proba dese interese é a cantidade de estudantes que participaron no último ano no proxecto: uns 2.000 rapaces de 40 centros educativos, dos que na súa gran maioría foron colexios de primaria e o resto, institutos de secundaria.

A programación da semana arrancou este luns con dous itinerarios por Guitiriz e Burela, que realizaron 55 alumnos do IES Francisco Daviña Rey de Monforte e 55 do CEIP Quiroga, respectivamente. Ambos grupos foron recibidos polo Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Juan José Díaz Valiño, no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos. Seguidamente, os rapaces do instituto monfortino visitaron o mazo de Santa Comba, comeron no restaurante La Casilla de Guitiriz, Concello no que coñeceron a fonte do balneario, o reloxo analemático e a panadería La Esquina, e realizaron parte dunha ruta de sendeirismo. Pola súa banda, os rapaces do colexio público de Quiroga achegáronse ás instalacións da Fundación TIC e, xa en Burela, comeron no restaurante Palacio de Cristal e visitaron no porto a lonxa, o barco boniteiro e a nave de redeiras.

O mércores, 48 nenos do CEIP de Covas en Viveiro farán un percorrido pola Ribeira Sacra e 55 do IES Monte Castelo de Burela gozarán dunha ruta pola cidade de Lugo. Os vivarienses iniciarán o itinerario cunha visita á Fundación TIC para comer logo no restaurante La Cantina de Sober e embarcar en Doade para facer unha ruta en Catamarán pola zona de Amandi. En canto ós rapaces do Monte Castelo, visitarán o Centro de Interpretación Terras do Miño, no Paseo do Rato, o núcleo de Santa Eulalia de Bóveda, o adarve da Muralla e o seu centro de interpretación, a catedral e as termas. A comida terá lugar no restaurante Los Robles.

O programa concluirá o xoves con dúas rutas por Ribadeo, solicitadas polo CPR La Milagrosa de Lugo e o IES San Rosendo de Mondoñedo. No caso do centro lucense, 24 persoas achegaranse ó Centro de Interpretación Terras do Miño, comerán no restaurante ribadense La Solana e logo gozarán dunha xornada de multiaventura na vila mariñana. Os estudantes de Mondoñedo, pola súa banda, desprazaranse á Fundación TIC, comerán no restaurante Marinero de Ribadeo, farán unha travesía pola ría e visitarán o casco histórico e o convento das Clarisas.

Como inscribirse

Todos os interesados en participar en Km0 poden inscribirse de xeito rápido e sinxelo chamando ó número de teléfono 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, cubrir o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas. Quedan excluídos da modalidade de pago todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación, onde o usuario ten que pinchar, á esquerda do portal, no apartado Ocio, onde atopará un link cos itinerarios. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.