Deputación de Lugo

Ante o intento da Xunta de boicotear as residencias da Deputación, Besteiro advirte que "Feijóo non o vai conseguir"

Imaxe deputación de lugo
“Nin as fai nin as deixa facer”, asegurou o Presidente, que considera a negativa do Goberno galego ós xeriátricos e centros de día proxectados pola institución provincial “unha desculpa burocrática, que responde a razóns ideolóxicas e electorais”Gómez Besteiro garante que o organismo lugués seguirá adiante coa iniciativa “porque é viable e necesaria”, recalcando que en pouco tempo máis da metade da poboación de moitos Concellos superará os 65 anos “Parece que á Xunta lle molesta que outra administración se preocupe polo que teñen que facer eles”, denuncia Besteiro, quen subliña que a Deputación recorrerá á fórmula legal que faga falta para solucionar o contratempo causado polo Executivo autonómico

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, advertiu hoxe, ante o intento da Xunta de boicotear as residencias e centros de día proxectados polo organismo provincial, que “Núñez Feijóo non o vai conseguir”. Besteiro garantiu deste xeito a continuidade do proxecto, “non por cabezonería, senón porque é viable e necesario”, recalcando que a elevada taxa de envellecemento da provincia fará que en pouco tempo “máis da metade da poboación de moitos Concellos superará os 65 anos de idade”. O mandatario provincial respondeu deste xeito á decisión da Xunta de non admitir a solicitude presentada pola Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA) para a construción das residencias da terceira idade de Pol, Castroverde, Trabada, Ribas de Sil e Pedrafita.

“Nin as fan nin as deixan facer”, sentenciou Besteiro, para quen “parece que á Xunta lle molesta que outra Administración se preocupe por facer o que teñen que facer eles”. “A conselleira de Traballo sorprendeu hai uns meses á opinión pública, á que deixou perplexa, asegurando que as residencias e centros de día en Lugo e Ourense “non son necesarias, nin prioritarias”. E agora vólvenos sorprender buscando algunha desculpa de carácter burocrático, e facendo que o saibamos polos medios de comunicación, pois ata hoxe ás 10:30 horas non recibimos ningunha comunicación da Xunta ó respecto”, asegurou o Presidente. “Así como pode ser necesaria unha gran macro área de atención á terceira idade en Guitiriz, eu non o discuto, noutras partes da provincia necesitan este tipo de instalacións”, sinalou.

A postura adoptada polo Goberno galego ante o plan provincial de residencias e centros de día confirma para Besteiro que “Lugo non está na axenda da Xunta. Os seus intereses están noutras provincias”.

O Presidente, quen garantiu que a Deputación recorrerá á fórmula legal que faga falta para solucionar o contratempo provocado pola Executivo económico, recalcou que nesta iniciativa están integrados Concellos de todas as cores políticas e que, ademais de prestar un servizo imprescindible na provincia, creará emprego, fixará poboación e xerará un importante retorno económico para os Concellos. Incidiu en que Deputación e entidades locais “non lle pedimos nin un só euro á Xunta, senón só que concertase prazas, o mesmo que fai con residencias privadas”, e algo ó que se comprometeu o Executivo de Feijóo en dúas ocasións, a última a cinco días das eleccións municipais. Neste senso, indicou que habería que “explicar por que nalgunhas residencias a praza lle custa ó erario público máis de 1.400 euros, e noutras públicas, como a de Sarria, que está funcionando moi ben e ten moita capacidade de servizos, lle costa 700. Que diferenza hai, a onde van eses cartos? Habería que explicalo”.

Non economía, si ideoloxía

O Presidente recalcou que “detrás das decisións da Xunta non hai razóns económicas, senón ideolóxicas e electorais; se fosemos unha empresa privada, non teriamos problema para sacar adiante as residencias”. Así mesmo, Besteiro non considera “serio que un día o Presidente da Xunta se levante e decida, vía decreto, que as Deputacións paguen o Servizo de Asistencia no Fogar, igual que tampouco é serio que pechen o exercicio económico en setembro para que lle cadren formalmente as contas”.