Deputación de Lugo

Deputación e Concello de Lugo incian hoxe os cursos formativos do Arde Lucus para as ANPAS

O CENTRAD acolle os obradoiros de uniformes militares e de actividades temáticas para nenos de 3 a 5 anos, os primerios dos 29 totais que terán lugar ata o 6 de xuñoAs máis de 200 familias das ANPAS de colexios públicos e concertados lugueses aprender, a custe cero, a confeccionar traxes, complementos ou papiros

Esta tarde, a partires das 16:00 horas e ata ás 18:00 horas, as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño acollen os dous primeiros obradoiros do Arde Lucus do total de 29 que inclúe o convenio de Deputación e Concello de Lugo. Dito texto, co que ditas institucións renovaron a súa colaboración para a organización da undécima edición deste festexo, reflicte unha achega de 18.000 euros por parte do organismo provincial para formar as máis de 200 familias que integran as ANPAS (Asociacións de Nais e Pais de Alumnos) dos colexios públicos e concertados da capital luguesa (Albeiros, Casás, Maristas, Menéndez Pelayo e Sagrado Corazón). Os participantes nas xornadas aprenderán, a custe cero, a elaborar os seus traxes e complementos para a cita festiva que terá lugar entre os días 22 e 24 de xuño.

Os cursos deste luns son, por un lado, o de elaboración de pezas de uniformes militares, tanto de romanos como de castexos, con cartón-pedra, pinturas e verniz. Por exemplo, escudos, corazos ou cascos. A outra acción formativa para hoxe está dirixida a nenos de 3 e 5 anos e inclúe actividades temáticas relacionadas coa festa e adaptadas ás súas habilidades. Os dous obradoiros desenvolveranse de xeito paralelo, permitindo ós maiores aproveitar ó máximo a xornada formativa e os cativos introducirse nos preparativos do Arde Lucus.

O resto de cursos enmarcados no convenio desenvolveránse entre o 4 de maio e o 6 de xuño. Estes son os seguintes: 3 obradoiros de confección de traxes; 2 de papiros; 7 de coroas de loureiro; 8 de complementos en coiro; 3 de escudos; e outros 4 para nenos de 3 a 5 anos.