Deputación de Lugo

Equigal inicia a súa quinta edición con máis de 150 cabalos e 60 gandeirías

Hoxe tivo lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a inauguración oficial da quinta edición de Equigal 2012, Salón do Cabalo de Galicia, un evento que xira arredor do mundo do cabalo. Na presentación interviñeron Lara Méndez, Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo; Manuel Chaín, concelleiro de Medio Rural do Concello de Lugo, así coma Eduardo Núñez-Torrón, Presidente executivo da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo.

No acto estiveron acompañados por gandeiros representantes das distintas asociacións do cabalo que forman parte da organización do Salón, así coma diversas autoridades do eido político e empresarial lucense.

Intervencións

Eduardo Núñez-Torrón abriu o acto aludindo á actual crise económica, á que englobou baixo a frase “Coa que está caendo…”. Frase que contrapuxo ó seu discurso para ensalzar o valor de organizar e celebrar a quinta edición deste importante certame que coloca a Lugo á cabeza do mundo do cabalo no noroeste peninsular: “A pesares da que está caendo, non nos debemos resignar e debemos incrementar as actividades do Pazo de Feiras. So así poderemos avanzar e acabar saíndo da actual situación de crise pola que pasamos”.

Torrón destacou a importancia económica do sector equino, “un mundo que non é de afeccionados senón de auténticos profesionais”, que xera dentro e fóra de Galicia un importantísimo mercado. É por iso que dende a Fundación Feiras se potencia a través desta quinta edición de Equigal.

Un certame, destacou Núñez-Torrón, que vai a máis, apoiado no incremento ano tras ano de público e participantes - de 40 gandeirías en 2011 pasamos a máis de 60 este ano; en 2011, inscribíronse preto de 100 exemplares equinos, mentres que nesta quinta edición supéranse os 150, entre cabalos e eguas.

“Un éxito que só foi posible gracias á implicación entusiasta e o esforzo das asociacións gandeiras, e sobre todo dos seus gandeiros, e tamén grazas á colaboración económica da Deputación e do Concello de Lugo, e demais institucións colaboradoras”.

Tras Núñez-Torrón, Manuel Chaín desculpou a ausencia do alcalde, felicitou á organización pola “consolidación real de Equigal, nesta a súa quinta edición, que é hoxe unha cita ineludible, non só en Lugo e a súa provincia senón tamén en Galicia”.

Finalmente, Lara Méndez, pechando o acto inaugural, retomou as verbas de Núñez-Torrón, “coa que está caendo...” para salientar que “xa o ano pasado na presentación deste certame falabamos de crise e lamentablemente temos que seguir facéndoo, pero a pesar disto, as Administracións públicas, coma dende a Deputación e o Concello estase a facer, temos que apoiar eventos coma este, de contrastado éxito, porque senón estaremos contribuíndo a empeorar a situación difícil que estamos a vivir”. Un apoio, o da Deputación, que se basa nas cifras de éxito acadadas polo Salón nos últimos anos, unha feria que conta cada vez cun maior número de visitantes e que é un referente para a provincia e para Galicia.

Méndez tamén aludiu á importante repercusión económica que Equigal ten para a cidade e a provincia a nivel hosteleiro e de xeración de negocio no sector. E reincidiu en base a esto, en que “máis que nunca debemos manter o noso apoio para fomentar a economía e contribuir a que melloren as cousas na nosa provincia.”

Finalmente, Méndez pechou a súa intervención felicitando ós organizadores e animándoos a que traballen xa na sexta edición de Equigal, un evento “que a Deputación seguirá apoiando porque os resultados da súa celebración son sempre moi bos”.

Equigal 2012, Salón do Cabalo de Galicia, II Memorial Manuel Dopico

O Salón do Cabalo de Galicia – Equigal 2012 celebrarase no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo dende hoxe venres 8 ata o domingo 10 de xuño de 2012. O Salón acollerá as máis diversas modalidades hípicas nas súas diferentes vertentes así como o emerxente mercado equino de Galicia. En total serán sesenta as gandeirías equinas participantes e máis de 150 o número de exemplares, entre cabalos e eguas de distintas razas.

A maioría das gandeirías participantes en Equigal 2012 son galegas, polo que a organización agradece e recoñece o enorme esforzo das mesmas na súa participación nesta quinta edición de Equigal.

En Equigal terá lugar unha ampla gama de actividades e espazos arredor do mundo do cabalo. Os mellores animais das diferentes razas criadas en Galicia daranse cita en en Lugo nun Pazo de Feiras e Congresos que dispón para Equigal de 10.000 m 2

Organización e patrocinadores

Equigal 2012 é un evento organizado pola Fundación Feiras e Exposicións e pola Deputación de Lugo, principal entidade patrocinadora.

Conta tamén co apoio do Concello de Lugo, da Fundación Rof Codina, Coca Cola, Caixa Rural Galega e Piensos Equicor.

Do mesmo xeito, colaboran na organización as seguintes asociacións: Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (ACCEGA), Asociación Nacional de Criadores de Cabalos Españois (ANCCE), Asociación Galega de Criadores de Pura Raza Española (AGACPRE), a Asociación Española de Criadores de Caballos Árabes (AECCA), a Asociación Pura Raza Cabalo Galego, o Club Hípico Equigal e a Asociación Deportiva Lucense de Doma.

ENTRADA GRATUÍTA
HORARIOS:
Venres 8: 10:00 a 20:30
Sábado 9: 10:00 a 22:30
Domingo 10: 10:00 a 20:30