Deputación de Lugo

A Deputación potencia a artesanía como oportunidade económica de Lugo apoiando a Feira Artesá Gastronómica de Castroverde

A Deputada de Deseño e Artesanía Regina Polín, veciña do Concello, deu o pregón da 7ª edición do certame, invitando ós produtores a sumarse gratis á marca LugoSabe do organismo lugués e á plataforma de e-comercio www.losproductosdelugo.comPreto de 90 artesáns de toda Galicia, 30 deles da provincia, fixeron demostración en vivo, e expuxeron e venderon as súas obras no recinto feiral do municipioO programa completouse con obradoiros de oficios tradicionais, música, degustacións, un desfile de body-paint, unha concentración de vehículos e motos antigas, ludoteca, maxia, unha demostración de baile latino e a proxección do filme Vilamor

A Deputación impulsou, por cuarto ano consecutivo, a Feira Artesá Gastronómica de Castroverde, un festexo que tivo lugar este domingo no recinto feiral deste municipio e que reuniu a preto de 1.500 persoas. A institución luguesa colabora na organización desta feira, xa que esta iniciativa enmárcase dentro da súa aposta polo impulso dos produtos autóctonos e dos oficios artesanais como sinais de identidade e oportunidades económicas da provincia, capaces de xerar riqueza e fixar poboación. Por este motivo, achegou o 25% do orzamento necesario para a celebración da 7ª edición deste festexo, uns 3.000 euros concedidos mediante o Plan Estratéxico de Subvencións do INLUDES.
A Deputada de Deseño e Artesanía e veciña do municipio de Castroverde, Regina Polín, foi a encargada de ler o pregón do certame, no que salientou a necesidade de manter iniciativas deste tipo que potencian e benefician tanto ó sector artesanal, como o gastronómico da provincia. Polín incidiu ademais en que estes festexos contribúen a manter emprego en ambos os dous sectores e a fixar poboación no rural.
Co fin de incrementar os beneficios destes profesionais e xerar riqueza na provincia, a deputada ofreceu ós produtores sumarse, sen custe algún, á marca LugoSabe creada pola institución. Como mostra da boa acollida que tivo o selo distintivo da Deputación, Regina Polín explicou que a día de hoxe hai 40 produtos adheridos e, dado o gran interese de moitas empresas por contar con el, o organismo provincial ampliou o proxecto dentro da segunda fase do programa Lug02, para á que a Unión Europea lle concedeu un total de 6,5 millóns de euros. Deste xeito, proximamente a institución fará que outros 125 produtos conten con este selo. Para elo, todos os alimentos lucenses que o desexen poden facer a súa solicitude, dirixíndose o organismo lugués. Isto é unha novidade xa que, na anterior convocatoria e como obriga da Unión Europea, só podían acadar este selo os produtos derivados das 3 Reservas da Biosfera: Terras de Miño, Os Ancares e Eo-Oscos-Terras de Burón. Ademais, a Deputación tamén incrementará os puntos de venda dos produtos Lugo Sabe, estendéndoos por toda a Comunidade; creará novas rutas gastronómicas, ademais de impulsar as existentes; e levará estes produtos a recoñecidas feiras e eventos do país.
Neste senso, a Deputada de Deseño e Artesanía recalcou que “Lugo é a provincia galega que xera máis negocio no sector da agricultura ecolóxica. Ademais, os produtos con marcas de calidade incrementaron, no pasado ano, nun 5,4% os beneficios; polo que estou convencida de que sumarse ó noso proxecto conleva grandes oportunidades económicas”.
Comercio electrónico
Polín convidou así mesmo ós produtores a adherirse, tamén de xeito gratuíto, á plataforma de comercio electrónico, www.losproductosdelugo.com á que xa se sumaron 40 empresas lucenses. Este primeiro centro comercial virtual na provincia, creado a través do programa europeo Innova-TE, conta cun apartado específico e destacado para os produtos autóctonos. A plataforma aumenta as posibilidades de incrementar o volume de beneficios das empresas ó abrirlles novos mercados e facilitar as vendas, xa que os clientes poden mercar as 24 horas do día, os 365 días do ano. Este portal non ten límite de empresas, nin de oferta de produtos.
Artesanía e gastronomía
Na VII Feira Artesá Gastronómica de Castroverde, que contou cun presuposto de 12.000 euros, déronse cita dende a primeira hora da mañá preto de 90 artesáns de toda Galicia, dos cales 30 eran da provincia, que fixeron demostracións, exposicións e venda dos seus produtos. As demostracións de oficio artesanal ó vivo foron realizados por: un cesteiro de Lugo; un zoqueiro de Mondoñedo; un oleiro de Gundivós (Sober); un torneiro de Xermade; un ferreiro da Fonsagrada; unha tecedeira do Corgo; unha palilleira de Sarria; e un telleiro de Pontevedra. Houbo ademais demostracións de talla en madeira (Vilalba); talla en pedra (Lugo); instrumentos musicais tradicionais (Pontevedra); taller de alto Ilzo (Triacastela); Cerámica de Buño (A Coruña); hoxalateiría (Pontevedra); e destilación de augardente (Portomarín).

En canto á gastronomía, nesta edición introducíronse novidades, ó igual que nas demostracións artesanais e exposicións das mesmas, para variar tanto no espectáculo como na tipoloxía artesanal, para impresionar e satisfacer ós visitantes. Este ano, no sector gastronómico, apostouse por conservas artesanais de Burela, viño da Ribeira Sacra, xeados ecolóxicos, licores de Portomarín, queixo de Friol, embutidos de Samos, 5 apicultores de diferentes rexións de Galicia, aceite de Ribas do Sil, fabas de Lourenzá, queixo de San Simón, sidra asturiana, panaderías de Castroverde e pastelerías doutros lugares da provincia de Lugo, requeixo ecolóxico da Pastoriza e produtos de viveiros de Castroverde. Non faltaron tampouco produtos feitos con esencias naturais (cosmética e herboristería).

Outras actividades paralelas
As máis de 1.500 persoas que se acercaron ata esta localidade lucense tiveron a oportunidade de participar en obradoiros gratuítos de olaría, cestería e instrumentos musicais. Ademais, tivo lugar unha actuación musical a cargo do grupo de gaitas e tambores Zuncurrundullo, da propia localidade, e unha degustación gratuíta de conservas, viño e xeados ecolóxicos.

Na cita celebrouse tamén un desfile de body-paint dedicado ó medio ambiente, e de xeito especial a figuras de paisaxes emblemáticos do Concello de Castroverde, así como unha concentración de vehículos e motos clásicos por todo o recinto feiral.

Tamén formou parte deste festexo un xantar típico galego a base de polbo, churrasco, carne ó caldeiro e postres caseiros, tanto no propio recinto, como nos diferentes restaurantes da zona. Complementou a programación unha ludoteca itinerante, un taller de pinturas faciais, un espectáculo de maxia e unha demostración de baile latino. A proxección da película Vilamor a cargo da Asociación de Amigos do Patrimonio do municipio puxo o broche de ouro a esta cita, que potencia a riqueza tradicional e gastronómica de Lugo dende o 2006.