Deputación de Lugo

Deputación e Concello presentan no mercado da Praza de Abastos lucense o I Concurso de Tapas da Fonsagrada

Lara Méndez, Argelio Fernández e Marta Álvarez deron conta da iniciativa que acollerá a localidade fonsagradina entre o 23 e o 28 e xullo15 establecementos ofrecerán pratos elaborados con alimentos autóctonos a 1 euro, e 5 casas rurais sortearán outras tantas estancias gratis entre os participantesA Vicepresidenta subliñou que “xuntos sacamos adiante proxectos económicos que xeran riqueza na provincia” co impulso da hostalería, o turismo rural e os produtos autóctonos

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, o Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, e a Concelleira de Cultura, Marta Álvarez, presentaron este venres no mercado da Praza de Abastos da capital luguesa o I Concurso de Tapas da Fonsagrada. É a iniciativa que organiza Concello e profesionais fonsagradinos nesta localidade da Montaña a vindeira semana, concretamente, dende o 23 ó 28 de xullo, contando coa colaboración do organismo provincial, co obxectivo de potenciar a economía local co impulso da hostalería, o turismo rural e os produtos autóctonos. Méndez e Fernández quixeron aproveitar o feito de que hoxe se concentrasen centos de persoas no mercado da cidade para darlles conta desta iniciativa e convidalos a participar, así como para amosarlles a riqueza natural da zona coa entrega de dípticos informativos, así como da súa gastronomía cunha degustación gratuíta de produtos autóctonos.

Lara Méndez salientou que “administracións, autónomos e pequenos empresarios sumamos esforzos porque sabemos que xuntos somos máis fortes e que xuntos podemos reiventarnos, sacando adiante proxectos que xeren riqueza na provincia coma este I Concurso de Tapas da Fonsagrada. É unha iniciativa claramente económica, que parte dende o Goberno municipal e que non sería posible sen a imprescindible axuda dos propios profesionais”. A Vicepresidenta amosou o seu desexo de esta edición do certame “sexa a primeira de moitas porque contribúe a incentivar a economía local a través dos produtos autóctonos”. Pola súa banda, o Alcalde fonsagradino, ademais de agradecer a colaboración da Deputación “para que o rural siga sendo rural”, destacou que o Concurso de Tapas e unha boa oportunidade para comprobar que A Fonsagrada “é un referente na gastronomía e nos produtos autóctonos, pois conta con materia prima de primeira calidade”. Incidiu tamén no carácter dinamizador da economía local desta cita, “que dará a coñecer a riqueza gastronómica da Fonsagrada, pero tamén as súa oferta de turismo rural e patrimonio natural”.

Iniciativa conxunta

O I Concurso de Tapas da Fonsagrada é unha iniciativa conxunta do Concello da Fonsagrada, Deputación de Lugo, hostaleiros fonsagradinos, casas de turismo rural tamén deste municipio e produtores da zona. Permitirá que 15 establecementos sirvan, dende o próximo luns e ata o sábado, en horario de 19:00 ás 22:00 horas, pratos confeccionados, na súa maioría, con produtos autóctonos a tan só 1 euro. Os participantes poderán puntualos con uns cupóns que estarán a súa disposición nos locais. Ademais, recibirán unhas tarxetas que sellarán os propietarios dos negocios ós que acudan. No caso de facer todo o circuíto gastronómico entrarán nun sorteo de cinco premios, que consisten en fins de semana gratuítas en Casa do Cabo, Casa Roxoa, Apartamentos Vilarchao, Casa Bastida e Casa Villa Severina. O 31 de xullo, ás 17:00 horas, un xurado popular realizará o reconto dos votos nun acto aberto ó público. O hostaleiro cuxa tapa resulte ganadora, ademais de recibir un diploma acreditativo, contará coa colaboración desinteresada do Concello para promocionar o seu establecemento.

Circuíto gastronómico

O circuíto gastronómico inclúe: solomillo de tenreira con gambas, no restaurante Catro Ventos; rape en salsa de amendoas con langostinos, no bar Manaia; polbo con caramelo picante, no Candal; tapa “Mar e monte”, no bar Avenida; brocheta de mar ó bosque de verduras, no restaurante Os Chaos; piruleta de queixo de cabra e confitura de tomate, no bar Lúa; presa celta sobre queixo de cabra con mazá caramelizada e aroma de pistacho, no restaurante Cantábrico; tostada con ovos estrelados e xamón, no bar Figueiro; limóns recheos de gambas, no restaurante Prados; tapa “Buen rollo”, no bar Demetrio; “Carne de vampiro”, na Casa Manolo; “Sorriso de mar con caricia de vento” na polbería Caldeira; “Montadito frío”, no bar Bodegón; churrasco con ovos e migas, no cámping da Fonsagrada; e solomillo con salsa de champiñóns, no restaurante O Piñeiral.