Deputación de Lugo

Regina Polín entrega os diplomas ós 45 primeiros participantes dos obradoiros gratuítos que ofrece o CENTRAD

Os mozos, de entre 5 e 16 anos, participaron durante as dúas primeiras semanas de xullo na iniciativa da Deputación, que inclúe cursos de monicreques, pintura, cestaría de reciclaxe, xoiería de arxila, coiro e graffitiEn total, 90 mozos formaranse nas técnicas máis novidosas da tradición artesanal durante este mes e o vindeiro con estas xornadas, que contribúen a conciliar a vida familiar e laboral

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, entregou este venres os diplomas ós primeiros participantes que veñen de rematar os obradoiros gratuítos que ofrece o CENTRAD. 45 rapaces de entre 5 a 16 anos gozaron durante as dúas primeiras semanas de xullo de cursos sobre coiro, cestería de reciclaxe, monicreques –a primeira semana-, xoiería de arxila, pintura e graffiti -durante esta semana-.

Un total de 90 rapaces participarán nesta iniciativa que impulsa a Deputación de Lugo cun dobre obxectivo: introducilos na tradición artesanal e conciliar a vida laboral e familiar, ó celebrárense durante as vacacións de verán, dando continuidade ós celebrados xa en Semana Santa e no Nadal. Por este motivo, e coa finalidade de chegar a máis xente, o organismo provincial acordou incrementar a marxe de idade dos beneficiados deste programa –pasando dos 12 ós 16 anos- e ampliar a oferta formativa, ofrecendo alternativas máis modernas, como o curso de graffiti.

Este mes participaron os primeiros 45 mozos e os restantes 45 terán a oportunidade de gozar dos obradoiros durante o mes de agosto. Concretamente, farano en dúas quendas: do 20 ó 24 e do 27 ó 31 de dito mes, nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño, na travesía da rúa Chantada da capital luguesa, en horario de 09:00 ás 14:00 horas.

En conxunto, ofreceranse 12 cursos didácticos adaptados ás diferentes idades dos participantes:

Obradoiros de monicreques ou pintura para nenos de 5 a 10 anos. No primeiro do casos, poderán confeccionar bonecos, monicreques ou outros obxectos, como espellos con materiais de refugallo. No segundo, aprenderán diferentes técnicas de pintura para traballar nas súas pequenas obras de arte de xeito individual ou colectivo.

Obradoiros de xoiería e cestaría de reciclaxe para nenos de 8 a 14 anos. Farán prendedores, colgantes e chaveiros en arxila, que moldearán e pintarán eles mesmos. Con papel de periódico, roupa vella ou bolsas de plástico poderán confeccionar cestos e tapices.

Obradoiros de grafitti e coiro para os rapaces de 12 a 16 anos, que, por primeira vez, se incorporan á programación do CENTRAD. Terán a oportunidade de descubrir as súas habilidades coa pintura de spray para deixar a súa pegada en paneis de DM. Crearán as súas propias pulseiras ou carteiras de coiro.