Deputación de Lugo

Publicada na web da Deputación a listaxe de beneficiarios das accións de inserción laboral do Pacto polo Emprego

Imaxe deputación de lugo
O cursos, que impartirán 7 organizacións empresariais e sociais da provincia, arrancarán o vindeiro luns e prolongaranse ata finais de novembroOs 340 participantes recibirán formación teórica e práctica nas profesións con máis futuro -servizos sociais, medio ambiente e novas tecnoloxías- así como unha axuda de 400 euros

A Deputación de Lugo publicou este xoves na súa páxina web www.deputacionlugo.org a listaxe de beneficiarios na segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego. As accións de inserción laboral, que se ocuparán de impartir 7 organizacións empresariais e sociais da provincia, arrancarán o vindeiro luns, 30 de xullo, e prolongaranse ata finais de novembro. Os 340 participantes no programa, que cofinancia nun 80% a Unión Europea a través dos fondos FEDER, foron seleccionados entre preto de 800 aspirantes segundo os criterios de valoración establecidos nas bases do Pacto, publicadas tamén en mencionada web.

Nesta segunda fase do plan de inserción laboral impartiranse un total de 22 accións formativas de 13 temáticas diferentes, todas elas vinculadas coas profesións de maior potencial de desenvolvemento e que mellor están a resistila crise. Trátase dos coñecidos como empregos brancos, vinculados coa atención sociosanitaria e a dependentes, un sector que, segundo un informe do Ministerio de Traballo de outubro do ano pasado, xerará 200.000 empregos hasta 2015 en España; os empregos verdes, que medraron un 235% na última década, superando os 500.000 postos en España na actualidade, e os 24.000 en Galicia; e os empregos azuis, os relacionados coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, área que creará 218.000 empregos hasta 2020 no país.

Que entidade impartirá cada curso
Os cursos que impartirá cada entidade son os seguintes:
Cruz Vermella: Coidador de Discapacitados Físicos e Psíquicos; e Auxiliar de Enfermería en Xeriatría.
COGAMI: Atención Especializada para Enfermos de Alzheimer.
Unións Agrarias-UPA: Actividade Auxiliares en Viveiros, Xardíns e Centros de Xardinería; e Produtor de Hortalizas Ecolóxicas.
Fundación Lucus Augusti: Dinamización de Actividades de Tempo Libre Educativo Infantil e Xuvenil; taller de emprendemento; e Técnico en Comercio Exterior.
Fundación Laboral da Construción: Edificación Sostible.
APEC: Instalador de Impermeabilización; e Mantedor, Reparador de Calefacción e Auga Quente Sanitaria.
Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo: Xestión Comercial das Vendas.

En canto ó curso de Servidores e Páxinas Web, a Deputación ofrecerao a través da Fundación TIC, aproveitando desde xeito recursos propios.

Estas entidades ocuparanse de impartir de xeito directo a formación teórica, e logo farán de mediadores para que os alumnos poñan en práctica estes coñecementos en empresas e asociacións da provincia estreitamente vinculadas coas áreas nas que recibiron formación. Deste xeito, garántese unha formación de calidade e o mellor adaptada posible ás demandas do mercado laboral, pois impártese a través de organizacións do sector.

A duración da parte teórica e da práctica depende de cada acción formativa, podendo consultarse tódolos detalles de cada un deles na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.org
Axuda económica
Os participantes recibirán durante todo o período formativo –teórico e práctico- unha axuda económica que non pode superar o 75% do IPREM (Índice Público de Renda de Efectos Múltiples) para este ano 2012, é dicir, aproximadamente 400 euros. Esta axuda é compatible coa prestación por desemprego ou con outras axudas públicas con esta mesma finalidade, sempre e cando o conxunto das rendas percibidas non supere o 75% do IPREM, isto é 400 euros.
Máis inserción laboral
Coa segunda fase do Pacto Provincial polo Emprego, a Deputación dá continuidade ós proxectos que, a pesar de non ter as competencias directas en emprego, leva impulsado para dinamizar o mercado laboral, tales como a propia primeira parte do Pacto, na que participaron 575 persoas, das que máis de 100 seguiron traballando; o Plan Lugo Emprega, que deu traballo a 711 persoas, ou as becas medioambientais Lug02, que acadaron unha inserción laboral do 50%. O organismo lugués poñerá tamén en marcha o Plan Integral Agropecuario e Forestal, que formará a 900 persoas para potencialo emprendemento nestes sectores vitais para o tecido socioeconómico de Lugo.