Deputación de Lugo

Os traballadores da Deputación mobilízanse por segunda vez en tres días contra os últimos recortes do Goberno Central

Os 4 sindicatos presentes na xunta de Persoal e o Comité de Empresa do organismo provincial (CC.OO., CIG, CSI-F e UGT) convocaron unha nova protesta diante de San Marcos polas “inxustificables” medidas tomadas por Rajoy, “que non resolven a crise”Fixaron outras dúas concentracións para o día 19, cando haberá ademais unha manifestación pola cidade lucense, e para o 26

Os traballadores da Deputación mobilizáronse de novo este venres, por segunda vez en tres días, contra os últimos recortes adoptados polo Goberno Central. Comisións Obreiras, CIG, CSI-F e UGT, as 4 organizacións sindicais presentes nos órganos de representación dos empregados no organismo provincial (Xunta de Persoal e Comité de Empresa) convocaron esta nova protesta diante do Pazo de San Marcos por unhas medidas que cualifican de “inxustificables” e “populistas”, que “non resolven a crise”, senón ó contrario, “reducen aínda máis o consumo interno e provocan máis perda de postos de traballo, máis paro”.

Os recortes anunciados por Rajoy o mércores no Congreso dos Deputados supoñen “o roubo de dereitos sociais conseguidos despois de moitos esforzos, utilizando escusas que ninguén se cre”, subliñan as formacións sindicais, que critican “a criminalización que se está a facer dos empregados públicos, culpándonos de todos os males deste país, tapando así os seus fracasos”.

Os sindicatos fixaron outras dúas concentracións ante San Marcos en repulsa polos axustes, unha o 19 de xullo, cando tamén haberá unha manifestación pola cidade lucense, e outra o día 26. En ámbolos dous casos, ás 11:30 horas.

Proposta no Pleno

Por outra banda, e tal e como avanzou onte a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, o propio Goberno provincial, a instancias do Grupo Socialista, levará ó Pleno unha proposta en contra dos novos recortes que vén de aprobar o Executivo Central e que perxudican “gravemente ós traballadores, pensionistas e parados”. Lara Méndez destacou que “non podemos quedarnos quedos ante unhas medidas coas que Rajoy, ó igual que Feijóo e os seus compañeiros de partido, castigan pola crise ós desempregados, ós maiores, e en xeral a todos os cidadáns de a pé, mentres premian ós defraudadores cunha Amnistía Fiscal e non piden nin un mínimo esforzo ás grandes fortunas”.