Deputación de Lugo

A mellora de vías rurais que a Deputación acomete en Cervantes aforra custes ó Concello e beneficia a máis de 300 veciños

O Presidente e o Alcalde supervisaron as actuacións executadas polas máquinas do Parque Móbil nos núcleos de Doiras, Vilarello e FolgosoEn setembro, o servizo do organismo provincial volverá a desprazarse ó municipio cervantino para acondicionar outras seis pistas rurais

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, supervisaron este martes os traballos de mellora que está a acometer a institución luguesa en vías municipais deste Concello da Montaña. Trátase de actuacións de recuperación de pistas rurais realizadas polas máquinas do Parque Móbil do organismo provincial nos núcleos de Doiras e Vilarello, xa rematadas; e Folgoso, actualmente en execución e que estarán listas nesta semana, unhas obras que benefician no seu conxunto ós máis de 80 veciños residentes nestes lugares. En concreto, os medios desprazados pola Deputación constan dun equipo de rego, composto por 3 vehículos (cisterna, gravilladora e compactadora), así como tres maquinistas.

Tras realizar este serie de actuacións, está previsto que no mes de setembro o servizo do Parque Móbil se volva a desprazar ó Concello cervantino para realizar traballos de recuperación doutras seis estradas rurais, en concreto, a de Portelo a Noceda, que dá servizo a sete aldeas; e os accesos a Lamas, Lama de Rei, Mosteiro, Dumia e San Román. Deste xeito, coas obras que se están a desenvolver neste mes de xullo, mais as que está previsto levar a cabo en setembro, veranse beneficiados máis de 300 veciños de Cervantes. Así mesmo, a Deputación aforra custes ás arcas municipais, que garante o mantemento en bo estado da rede viaria, evitando o gasto que estas obras supoñerían para as arcas municipais.

O Presidente subliñou que estas actuacións enmárcanse dentro da “nosa aposta pola máxima cooperación cos Concellos para reducir os seus custes, sobre todo neste momento de crise económica, e de mellorar a calidade de vida dos veciños, facendo fronte ó despoboamento que padece o rural, a maior urxencia que debe afrontar hoxe a nosa provincia”. Pola súa banda, o Alcalde recoñeceu que, “grazas a esta cooperación da Deputación, podemos ter ben as estradas, doutro xeito non poderiamos facelo”.

A Deputación reorientou o Parque Móbil hai cinco anos, marcándose como obxectivo ofrecer este servizo á totalidade dos Concellos lugueses co fin de reducir as súas cargas económicas e mellorar os servizos públicos ós cidadáns. Actualmente, as máquinas actúan durante todo o ano e segundo as necesidades en vías locais nas que, coa colaboración de traballadores municipais, traballan ó longo de varios meses. Por este motivo, vanse desprazando por toda a provincia. Neste 2012 levan actuado xa nos Concellos de Castroverde, O Páramo, Xermade, Sober, Lourenzá, Antas de Ulla ou Mondoñedo.