Deputación de Lugo

Besteiro esixe a Goberno Central e Xunta que faciliten os avais financeiros necesarios para garantir a supervivencia de Tablicia

O Presidente expresou ós 6 representantes dos traballadores cos que se reuniu en San Marcos o compromiso de demandar unha “resposta rápida” do Goberno galego que permita a continuidade dunha fábrica da que viven “un millar de persoas e as súas familias”Gómez Besteiro subliñou que a complicada situación da empresa afecta a un dos piares socioeconómicos da provincia: “Está ben plantexar axudas para a industria naval, pero a nosa industria naval é a riqueza forestal e o medio rural” Os sindicatos amosáronse “satisfeitos” coa actitude receptiva de Besteiro, fronte ó “silencio que nos deu por resposta a delegada da Xunta en Lugo”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo este martes no Pazo de San Marcos unha reunión con 6 representantes dos traballadores de Tablicia, ós que lles expresou o compromiso do organismo provincial de “demandar ás institucións con competencias na materia, o Goberno central e sobre todo a Xunta de Galicia, que faciliten con prontitude, a través das súas liñas de financiamento, os avais necesarios que permitan a Tablicia sobrevivir neste período”. Gómez Besteiro recalcou a necesidade de que o Executivo galego “colla este tema con especial sensibilidade e actúe rápido para evitar que unha situación que nestes momentos é temporal, provocada por necesidades de tesourería, se enquiste e adquira outra dimensión moito máis grave”.

Neste senso, advertiu do gran impacto que a actividade de Tablicia ten a nivel económico e laboral tanto na provincia, como no conxunto de Galicia: “Non estamos a falar só dos seus 137 empregos directos, senón dun millar de afectados, coas súas correspondentes familias, e de todo o movemento económico que xera ó seu redor, desde o das explotacións forestais que atenden os seus pedidos ata o tráfico de mercancías nos portos”. O Presidente subliñou que Tablicia “facturaba nas mellores épocas 45 millóns de euros ó ano, e hoxe anda polos 20 millóns, unha cantidade moi importante. Non hai moitas empresas na provincia que teñan esa capacidade de xerar riqueza e dinamismo económico”. Así mesmo, recalcou que a complicada situación pola que atravesa Tablicia afecta a un dos piares do tecido socioeconómico da provincia “como é a riqueza forestal, xunto á agrogandeira. Está ben plantexar axudas para a industria naval, pero a nosa industria naval é fundamentalmente a transformación madeireira, e a riqueza que, en xeral, xera o medio rural de Lugo”.

Participantes na xuntanza

Na reunión desta mañá co Presidente provincial participaron tres membros do comité de empresa: José Antonio Muíña, presidente do comité e representante de UXT; Óscar Luis López, pola CIG; e Carlos López, por CC.OO.; xunto a outros tres representantes sindicais: Carlos García Vázquez, por UXT; Alfonso Losada Veiga, pola CIG; e José Manuel Brea Méndez, por CC.OO.

Avais por 3,6 millóns de euros

Trala xuntanza, os representantes dos traballadores, a través de Carlos García, de UXT, expresaron a súa “satisfacción” pola actitude receptiva de Gómez Besteiro, “que coñeceu as necesidades dos traballadores de Tablicia, que nestes momentos son grandes, e a situación actual da empresa, cunha total falta de liquidez”, fronte “ó silencio que nos deu por resposta a delegada da Xunta en Lugo. Entendemos que terá cousas moi importantes que atender, pero os traballadores e os postos de traballo en Lugo tamén son importantes e hai que telos en conta”. García explicou así mesmo que Tablicia, que leva 3 semanas sen actividade algunha, necesita avais financeiros por valor de 3,6 millóns de euros para poñer en marcha o plan de viabilidade. Neste senso, destacou que os avais da Xunta serían a saída máis rápida á situación pola que atravesa Tablicia, pois a alternativa de que unha consultora externa elabore un plan de viabilidade, tal e como esixen as entidades financeiras, prolongaría os trámites durante dous meses, polo que “aumentarían as dificultades para volver a poñer en marcha a fábrica”.