Deputación de Lugo

Deputación e Club Náutico de Foz celebran o sábado a III Peregrinación Marítima

Val Alonso subliña que “a Xunta segue sen presentar proxectos, con seus orzamentos e prazos de obras correspondentes, para xerar riqueza na provincia co turismo náutico, facendo que as nosas reivindicacións con esta peregrinación cobren máis forza se cabe” O Deputado mariñano salienta que “o Goberno galego só se comprometeu co dragado do canal no porto de Foz, pospoñendo estas actuacións en varias ocasións e situando agora o seu estudio previo para a volta de agosto. É dicir, non sabemos cando executará estas obras”Hai 14 veleiros inscritos, quedando as derradeiras prazas no 982-13-36-09 ou en nauticofoz@gmail.com, mentres se esgotaron as localidades para que os cidadáns naveguen gratis coas embarcacións participantes

Deputación e Club Náutico de Foz celebrarán este sábado, 11 de agosto, a III Peregrinación Marítima logo de que as malas condicións metereolóxicas obrigasen no mes de xullo a pospoñer esta iniciativa reivindicativa para primar a seguridade das ducias de participantes previstos segundo as solicitudes formuladas. O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, o focense José Ramón Val Alonso, subliñou que “a Xunta de Galicia, administración con plenas competencias na materia, fixo nas últimas semanas simples declaracións só de boas intencións, probablemente, froito da proximidade das eleccións, xa que segue sen definir proxectos, co seu orzamento correspondente e prazos de obras, para xerar riqueza e emprego na provincia mediante turismo náutico. Por este motivo, as nosas reivindicacións coa organización da xa terceira Peregrinación cobran máis forza se cabe”. Val Alonso enumerounas:

1.- “É necesario que a Xunta de Galicia, administración con plenas competencias na materia, mellore as nosas instalacións portuarias porque os milleiros de barcos que pasen preto das nosa costa ou non teñen amarres ou nin tan sequera poden entrar nos nosos portos, desaproveitando esta oportunidade económica única para a Mariña e a provincia en xeral”.

Hai que ter en conta que o turismo náutico xera en Baleares un volume de negocio anual de case 250 millóns de euros e dá emprego a case 2.300 persoas. Lugo atópase unha situación única xa que ó carón da súa costa, concretamente pola Estaca de Bares, discorre o tráfico marítimo de Europa. Nembargantes, o porto de Ribadeo, con bandeira azul e Q de calidade, é de difícil ampliación. Na actualidade está cuberto ó 100%, ó igual que acontece co porto deportivo de Viveiro, habendo centos de embarcacións á espera dun amarre. Segundo datos oficias da propia Xunta, por cada 1.000 amarres xéranse 45 empregos. Pola contra, as instalacións de Foz, situadas nunha cidade con ampla proxección turística, son de pequenas dimensións, ó igual cas de Burela e San Cibrao, pero con posibilidade de ampliación.

Neste senso, o Deputado remarcou que “é imprescindible dragar as dársenas do porto focense para que as embarcacións poidan entrar, así como dragar o canal para que os pequenos navíos que conseguen acceder non apoien no solo. A Xunta só se comprometeu co dragado do canal, actuacións que pospuxo en varias ocasións, situándo agora o seu estudio previo para, textualmente, a volta de agosto. É dicir, despois de tantas promesas incumpridas e falsos prazos, seguimos sen saber cando o Goberno galego ten pensado facer estas obras”.

2.- “O Executivo autonómico tamén debe declarar o Camiño da Costa como ruta de peregrinación oficial, tal e como vimos demandando veciños e institucións dende hai anos co fin de potenciar a economía mariñana”. A Deputación xa instou á Xunta a facelo logo de que o equipo de Goberno provincial presentase no Pleno unha proposta neste senso, aprobada co apoio de todos os grupos políticos. Co obxectivo de potenciar esta ruta ante a desidia do Goberno galego, a institución provincial publicou o libro guía do Camiño do Mar, que recolle o traballo de investigación e recompilación documental do historiador focense Xoán Ramón Fernández Pazos, constatando a existencia desta alternativa xacobea que discorre polos Concellos costeiros de Lugo. Este libro complementa ó editado tamén polo organismo lugués baixo o título Rutas a Santiago en la Provincia de Lugo, a 1º publicación que inclúe información detallada dos Camiños que atravesan a provincia: Francés, Primitivo, de Inverno e da Costa.

3.- “Temos que dar conta no exterior que Lugo ten mar, que contamos con máis de 100 quilómetros de costa que aportan un cento de alternativas turísticas ós visitantes, coas que podemos impulsar a nosa económica e manter postos de emprego. Por iso, conscientes deste potencial, dende a Deputación organizamos programacións medioambientais ou lúdico-deportivas, todas elas con fins claramente económicos, durante todo o ano. Por exemplo, o Km0, que fixo que milleiros de persoas coñecesen a diversidade dos Concellos que integran a Mariña, visitando os seus establecementos hostaleiros, artesanais ou comercios, e supoñendo novos ingresos no sector; o Surf Camp, que reuniu a centos de persoas nas nosa praias para practicar este deporte coa elite do surf en España, enchendo hoteis e restaurantes; o Lugoteando, co que a vindeira fin de semana levaremos a Foz e Viveiro innovadores actividades acuáticas, aproveitando a afluencia de visitantes no verán; ou esta Peregrinación”.

Derradeiras prazas para veleiros
Ata o momento, 14 veleiros procedentes de Xixón e de Luanco ademais de Ribadeo, Viveiro e Foz, xa formularon a súa solicitude para asistir á III Peregrinación Marítima. A participación nesta andanza é libre e de balde, aínda que a cota de prazas é limitada a 20 debido ás características das instalacións do porto de Foz, que é de pequenas dimensións e non permite a entrada deste tipo de embarcacións. As derradeiras localidades están a disposición dos interesados no 982-13-36-09, contacto do Club Náutico de Foz ó que se pode chamar entre as 17:00 e as 20:00 horas, ou ben no correo nauticofoz@gmail.com.


Esgotadas as localidades para cidadáns
Este ano e por primeira vez, Deputación e Club Náutico de Foz ofrecen a posibilidade de que os cidadáns participen na peregrinación, tamén de balde, viaxando cos navíos inscritos. O éxito desta proposta foi tal, que xa nos primeiros días ducias de persoas se anotaron, cubrindo a cota de prazas dispoñible. Cómpre lembrar que estas persoas deberán estar o sábado ás 16:30 horas no Porto Chico para que unha embarcación ós achegue a onde están os veleiros e proseguir xunto a eles a peregrinación para logo iniciar a regata.


Desenrolo do evento
A III Peregrinación Marítima arrancará coa saída das embarcacións dende os principais portos deportivos da provincia: as do oeste dende Viveiro e as do este dende Ribadeo. A flota do oeste partirá ás 10:30 horas dende o porto de Viveiro. Ás 13:30 e dende Ribadeo farano os veleiros da zona este. No primeiro dos casos, deberán pasar entre as 12:45 e as 13:30 horas a carón da boia situada nos Farallóns de San Cibrao, e entre as 14:45 e as 16:00 horas pola afincada fronte á praia de Arealonga e punta Fazouro. Pola súa banda, os navíos que saian de Ribadeo terán que transcorrer pola boia de Illa Pancha entre as 14:00 e as 15:00 horas, e pasar o segundo control fronte ás praias de San Cosme e Punta Promontorio.

Unha concentración de embarcacións fronte á Ría de Foz, á altura da praia da Rapadoira, unha vez que cheguen todos os veleiros, será a que dará paso, ás 17:00 horas, ó comezo da regata á que se unirán ducias de cidadáns. Esta rematará sobre as 19:30 horas. Finalmente, ás 21:00 horas, no CENIMA, todos os participantes serán agasallados con diversos obsequios institucionais. Ademais, os primeiros tres clasificados da regata recibirán trofeos conmemorativos. O domingo, día 12 de xullo, as embarcacións sairán ás 12:00 horas cara ós seus portos de destino.