Deputación de Lugo

O CENTRAD trae por primeira vez á cidade de Lugo a exposición de oficios tradicionais no Camiño

Regina Polín presentou hoxe a mostra da Asociación de Amigos do Camiño da Comarca de Sarria, con 180 pezas de pintura, olaría, escultura, cestaría e téxtil de 18 profesionaisA Deputación colabora con este colectivo para que a exposición continúe co seu traxecto polo Camiño logo de estar en Samos, Sarria e Portomarín. En 2013, viaxará ó Cebreiro A exposición, con entrada totalmente gratuíta, estará aberta ó público no Pavillón 4 do Centro de Artesanía ata o 14 de setembro, de luns a venres e de 10:00 a 14:00 horas

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou este venres a nova exposición que acolle dende hoxe e ata o 14 de setembro o pavillón 4 do CENTRAD. É a mostra organizada pola Asociación de Amigos do Camiño da Comarca de Sarria que, tras estar exposta en Samos, Portomarín e Sarria, contando coa visita de 5.000 persoas, chega por 1ª vez á cidade de Lugo. Recolle 180 traballos de 18 profesionais da comarca sarriana en diferentes disciplinas: pintura, olaría, escultura, cestaría, ebanistería ou téxtil. Regina Polín subliñou que “o Centro de Artesanía e Deseño abre a súas portas a esta mostra para que continúe co seu traxecto polos municipios lugueses do Camiño, amosando ós visitantes os nosos sinais de identidade co fin de xerar riqueza. A Deputación dá un paso máis en impulso dos oficios tradicionais da provincia, contribuíndo a manter emprego no sector e a fixar poboación no rural”. Todos os que desexen ver esta exposición poderán achegarse á sala da Travesía Rúa Chantada, de luns a venres e de 10:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.

Durante o acto de presentación, que contou coa presenza dos profesionaiso Presidente da Asociación de Amigos do Camiño da Comarca, Jorge López, en calidade de comisario da exposición, asegurou que “este proxecto é unha gran oportunidade para dar a coñecer a xente e a calidade dos artesáns e artistas da zona, sendo un escaparate internacional”. López indicou que “a pesar da crise, sempre se acaba vendendo algunha obra. De feito, xa temos enviado algunha creación a Francia, Bélxica e Hungría” sinalou.

III edición de Artistas e Artesáns da Comarca de Sarria no Camiño
Esta mostra está enmarcada na terceira convocatoria de Artistas e Artesáns da Comarca de Sarria no Camiño, unha iniciativa posta en marcha hai cinco anos. Esta Comarca albergou dende os seus inicios este certame, chegando agora á capital luguesa para, en 2013, levala ó Cebreiro. A maioría dos seus 5.000 visitantes foron peregrinos, figura honrada pola asociación con este certame, ó coincidir a localidade sarriana cun fin de etapa do Camiño. A Asociación de Amigos do Camiño da Comarca, formada por 5 membros que compoñen a Xunta Directiva, conta coa colaboración de 100 negocios ubicados no Camiño, así como coa de institucións coma, neste caso, a Deputación de Lugo, para a organización das súas actividades.

18 artesáns da Zona Sur
Os artistas presentes son Pedro Quínoa, Sara Cuiña, Violeta Bernardo, Marisol Váquez, Antonio Bello, Xesús Vázquez, Aurora Rodil e Arzu Mantum que exporán diferentes obras de varios tipos de pintura; Verónica Quintelo con figuras de barro, Francisco Poy e José Luis Álvarez con creacións de escultura, Manuel Rodríguez con exemplares tallados en madeira, Suso da Balsa e Lola Tourón con mostras de cestaría e Cecilia Carballo con pezas feitas no tear. Tamén estarán presentes Gema Liz que traballa o encaixe de palillos, Cristina López que elabora tocados personalizados e José Balboa quen, con 92 anos, segue a realizar tapices en lá dende o 1940, e a quen se lle dedicou o cartel desta edición empregando para elo un dos seus tapices.