Deputación de Lugo

Remata a tempada de primavera dos obradoiros do CENTRAD coa totalidade das prazas cubertas en todos os cursos

A primeira tempada de cursos do CENTRAD de 2012 remata hoxe coa derradeira xornada do curso “Encaixe de palillos”, un dos sete obradoiros de cestaría, olaría, xoiería e téxtil programadas para a primaveraOs sete cursos celebrados cubriron as 62 prazas dispoñibles en pouco tempo grazas á formalización das solicitudes por Internet e a celebración destes en diferentes puntos da provincia

Este venres tivo lugar a derradeira xornada do obradoiro “Encaixe de palillos”, o último dos cursos que o Centro de Artesanía e Deseño tiña programados para esta tempada de primavera de 2012. Este é un dos sete obradoiros que a Deputación puxo en marcha o pasado mes de abril e que, coma en anteriores edicións, responderon á intención da institución provincial de potenciar a tódolos niveis un sector artesanal que, ó igual que a economía vencellada ós produtos autóctonos, supón unha oportunidade económica de primeiro nivel para a provincia e que, polo tanto, hai que aproveitar.

Os cursos dispoñibles foron “Iniciación á cestaría”; “Iniciación á cestaría de vimbio”; “Fabricación de pezas. Torques”; “Tecer con nós. Macramé”; “Confección de alfombras en teares de baixo lizo”; “Iniciación á olaría de Mondoñedo” e o que hoxe remata, “Encaixe de palillos”. Foron preto de 300 horas de formación impartida por sete profesionais de prestixio, como Manuel Lombao, Jesús prado, Beatriz Valín e Chicha Lombao, Ramón Álvarez ou Adolfo Domínguez. Precisamente algúns destes artesáns veñen de participar con éxito na terceira edición da Gala Lvcvs Moda, durante a que amosaron as súas creacións a centos de asistentes.

Foi especialmente demandada a formación en cestaría e fabricación de xoias. A esta demanda contribuíu o feito de que grazas á consolidación da Administración Electrónica implantada na provincia a través do Innova-TE, o programa tecnolóxico da Deputación, os interesados fixeron as súas solicitudes mediante Internet, a través da páxina web do Centro, polo que non se viron na obriga de desprazarse para formalizar a inscrición. O éxito acadado por esta convocatoria de obradoiros tamén hai que atribuilo ó empeño da Deputación de achegar a formación a outros puntos da provincia, tal e como ven facendo cos cursos das súas Aulas de Formación. Deste xeito, entre o 17 de abril e o 15 de maio celebrouse o curso “Iniciación á olería de Mondoñedo”, que tivo como escenario o obradoiro que a artesá María Jesús López Lage posúe no mindoniense Barrio dos Muíños.