Deputación de Lugo

O sur da provincia e a Mariña recibirán a visita de preto de 200 participantes do Km0 desta semana

A Asociación de Redeiras de Burela, a Interparroquial de Riotorto, a Asociación de San Xurxo de Gudá e o ANPA do Daniel Monje de Navia de Suarna son os colectivos que esta semana viaxan con Km0 ata Monforte, Sober e Viveiro

Unha semana máis, o programa Km0 levará a centos de participantes a descubrir as riquezas da provincia de Lugo. Entre hoxe e o sábado, ducias de viaxeiros chegarán ata o sur da provincia para redescubrir as riquezas que agochan Monforte de Lemos, a zona de Amandi e a Mariña.

A visita de 48 integrantes da Asociación de Redeiras de Burela abrirá a semana partindo cara Lemos, a visitar o Pazo de Tor e o Museo do Ferrocarril, non sen antes facer unha pequena parada para coñecer as insuas de Burneiros e a da Fervenza. O mércores, Monforte será de novo o destino dos 48 membros da Asociación Interparroquial de Riotorto, os cales repetirán percorrido malia que, no canto de visitar as insuas, estes coñecerán o traballo nun obradoro de olaría de Bonxe.

O xoves será o día no que as visitas guiadas de Km0 tornarán cara a Mariña, para levar a 55 veciños da Asociación de San Xurxo de Gudá, do Concello de Cospeito, a coñecer algúns dos segredos do Viveiro histórico. Na xornada terán tempo para visitar a igrexa de Santa María do Campo, pasear polas rúas da localidade e finalizar o día achegándose ata a praia de Covas. A semana rematará o sábado, día no que 24 integrantes do ANPA do centro escolar Daniel Monje, de Navia de Suarna, darán un agradable paseo en catamarán polas augas do Sil ó seu paso polo Concello de Sober.

Como anotarse

Os interesados en participar en Km0 poden inscribirse chamando ó 982-26-00-74/75; ou entrando en www.deputacionlugo.org onde, dende a portada, deberán acceder ó espazo Km0, completar o formulario e envialo á km0@deputacionlugo.org. A continuación, poderán efectuar o pago, que será de 8 euros para grupos de menos de 24 persoas e individuais, e de 5 euros para grupos de máis de 24 persoas, quedando excluídos todos os colexios e institutos públicos. A institución facilita dúas modalidades de pago: persoalmente no servizo de Tesourería (Pazo de San Marcos) ou nas sucursais de NovaGalicia (co número de conta 20800152663110001425).

A reserva e pago das rutas tamén pode facerse a través da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com da Deputación. Optando por esta alternativa, os participantes teñen un desconto do 10% no custe das actividades.