Deputación de Lugo

A Deputación abre a mostra Nai África, que fai en primicia en Lugo un percorrido pola tradición artística do continente

A exposición está composta por 78 pezas procedentes de diferentes países africanos, entre os que hai escultura, moedas, obxectos cotiás e máscaras Poderá visitarse gratis ata o 28 de decembro, de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, de 17:00 a 20:00 horas; e domingos, de 11:00 a 14:00 horas

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, inaugurou este mércores na Capela de Santa María a exposición Nai África-A orixe, na que se fai un percorrido en primicia en Lugo pola tradición artística do continente. Polín estivo acompañada polo comisario da mostra, Salvador Corroto, e a directora de Galería Atlántica Centro de Arte, Carmen Tudela Guerrero. A exposición consta de dúas fases. Esta primeira, que ofrece ós visitantes unha visión xeral sobre a variada tradición do continente africano, está formada por un total de 78 pezas, coas que se profundiza sobre a creación artística e riqueza etnográfica de África, berce da humanidade. A Deputada de Deseño e Artesanía destacou que, “ademais de ser un escaparate para o mellor da artesanía e do deseño da nosa provincia, a Capela de Santa María tamén se ten convertido nun espazo cultural de referencia, polo que está máis que xustificado que mostras coma esta se presenten en primicia ós lucenses nesta sala”.

A exposición ten un marcado carácter didáctico, xa que os asistentes poderán recibir numerosas explicacións sobre aspectos coma a localización xeográfica, a fabricación e o uso dos obxectos presentados, e terá a súa continuación no mes de novembro, cando este espazo pasará a ser ocupado por un amplo catálogo de artigos de ourivería e xoiería, polo que será unha ocasión única para coñecer pezas que dende diferentes técnicas abordan a actividade creativa africana, e de como esta ten influído decisivamente na cultura occidental. “Para aprender a valorar o noso, temos que aprender a valorar o que, aínda que nos pareza alleo, tamén ten moito da nosa historia”, asegurou Regina Polín.

Dende figuras mitolóxicas a cubertos de mesa

Esta primeira parte da exposición Nai África-A orixe está formada por 78 pezas de diferentes orixes e significados. Hai elementos atopados en excavacións tales coma cabezas, figuras de xinetes ou persoaxes da mitoloxía dalgunhas tribus; antigas moedas, obxectos propios da vida cotiá, coma pequenos tallos ou cubertos de mesa; outros propios dos ritos de iniciación ou figuras de culto. Teñen oco tamén máscaras simbólicas empregadas en bailes, obxectos elaborados coa intención de formar parte de axuares cortesanos, así como para as sonadas figuras africanas que simbolizan a maternidade.

Cando pode visitarse

A Capela de Santa María terá aberta esta mostra ata o vindeiro 28 de decembro nos seus horarios habituais: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, de 17:00 a 20:00 horas; e domingos, de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.