Deputación de Lugo

Deputación, USC, Caixa Rural Galega e CEL renovan o convenio de 59.500 euros para actividades de investigación

A Deputación mantén a súa achega con 9.500 euros e Caixa Rural increméntaa ata os 50.000, tras asumir a dotación económica que, anteriormente, concedía a CELEste investimento servirá para que o Campus de Lugo poña en marcha proxectos de innovación tecnolóxica para os que a USC asume o persoal, locais, materias e gastos correntes. A CEL difundirá os seus resultados e buscará socios empresariaisTodos os participantes no acto subliñaron o “esforzo” realizado para manter este acordo dende 1995 e logo de que a Xunta recortase nun 40% os fondos para investigación no Campus lugués dende o ano 2009

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Reitor da USC, Juan Casares, o Presidente de Caixa Rural Galega, José María Pardo Montero, e o Conselleiro Executivo da CEL, Jesús Quintá García, asinaron este martes, no salón de actos do Pazo de San Marcos, o convenio de colaboración entre ditas institucións para o impulso de actividades de innovación e investigación no Campús lugués, que contribúan ó desenvolvemento académico, económico e social.

Trátase dunha iniciativa que se renova dende 1995. Conta con 59.500 euros, financiados por Deputación, institución que mantén a súa dotación económica con 9.500 euros, e por Caixa Rural, entidade que, este ano, incrementa a súa achega ata os 50.000 euros logo de asumir os 5.000 euros que, anteriormente, concedía a CEL.

Este investimento servirá para que o Campus de Lugo poña en marcha proxectos relacionados, principalmente, coa investigación tecnolóxica. Para elo, a USC asume a dotación de persoal, locais, materiais e gastos correntes. Pola súa banda, a CEL contribúe, difundindo os resultados dos estudos, é dicir, dando conta da nova oferta tecnolóxica ós seus asociados. Ademais, tamén colaborará na busca de socios empresariais de cara a facilitar o desenvolvemento dos proxectos de investigación.

Unha comisión de seguimento, composta por representantes de todas as entidades asinantes, velará, como nos anos anteriores, polo cumprimento das previsións que se recollen no convenio. É salientable o feito de que froito deste acordo, Deputación, USC, Caixa Rural e CEL potenciaron a creación do Centro de Innovación e Transferencia Tecnolóxica (CITT) de Lugo. Esta unidade encárgase, dende entón, do desenvolvemento das liñas de acción deste convenio.

Esforzo fronte ós recortes

Segundo datos oficiais, nos últimos tres anos, a Xunta recortou os fondos para investigación no Campus de Lugo nun 40%, pasando dos 7,5 millóns de euros no 2009 ós 4 millóns no 2011. Por este motivo, todos os participantes ó acto subliñaron o esforzo dos organismo colaboradores para manter este convenio. O Reitor destacou que “dende a constitución do Campus de Lugo sempre estivo presente o compromiso das institucións lucenses por mellorar, divulgar e crear unha clase media formada e educada que, hoxe máis que nunca, necesita de recursos para garantir o desenvolmento social”.

Mentres, o Presidente da Deputación remarcou que “todas as administracións temos menos recursos polo que debemos saber priorizalos para manter iniciativas coma este convenio xa que o compromiso dos que ocupamos institucións debe ser a loita pola igualdade de oportunidades. Nós estamos ó caron da Comunidade Educativa non só mediante este acordo, senón tamén coas 150 bolsas de emprego para mozos que puxemos en marcha no último ano, coas expropiacións que estamos a realizar para a ampliación do Campus de Lugo, coa construción da nova sede da UNED na capital ou mantendo a gratuidade da matrícula na Escola de Imaxe e Son”.