Deputación de Lugo

A Deputación apoia a celebración da XX Feira de Gando Cabalar, Mular e Asnal da Fonsagrada

O Deputado de Economía do Medio Rural e do Mar e o Alcalde da Fonsagrada presentaron esta mañá unha nova edición desta cita, que terá lugar o vindeiro sábado, 8 de setembroEste evento supón un novo impulso para a economía da localidade tras o éxito que acadou a Feira do Gando Vacún, celebrada a pasada semana, e que atraeu ata Fonsagrada a centos de visitantesHaberá 2.500 euros en metálico e numerosos trofeos para os participantes nas diferentes categorías dos concursos de cabalos de pura raza galega, raza asturcona, así como mulas e asnos

O Deputado de Economía do Medio Rural e do Mar, José Fernández, e o Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, presentaron este mércores a programación dunha nova edición da tradicional Feira de Gando Cabalar, que se celebrará o vindeiro día 8 na capital fonsagradina. José Fernández subliñou a importancia de que dende as administracións se apoien eventos deste tipo, “colaborando cos Concellos da provincia para a posta en marcha de iniciativas que contribúan a activar a economía local, xerar postos de traballo e fixar poboación no rural, que se atopa nunha situación agónica, agravada polas medidas de recorte impostas polo Goberno central e o autonómico”.

A influencia positiva deste tipo de eventos quedou patente durante a recente celebración da tradicional Feira de Gando Vacún, que acolleu a pasada semana este mesmo Concello e na que centenares de persoas acudiron a visitar A Fonsagrada, atraídos polo espectáculo das reses de raza rubia galega e asturiana. “A celebración da Feira de Gando supuxo un forte incremento no número de visitantes que consumiron nos locais de hostalería, que se achegaron ata bares e cafeterías, que acudiron ós negocios de confección ou ás peluquerías, que viron como os seus ingresos aumentaron notablemente”, subliñou o Alcalde, que tamén manifestou a súa confianza en que coa atracción dos caballos esta fin de semana se reedite o éxito acadado, tendo en conta ademais que a Feira de Gando Cabalar, Mular e Asnal coincide coas festas patronais da localidade, que se celebran entre os días 7 e 9 de setembro.

2.500 euros en premios

O Concello achegará 2.500 euros en metálico para premiar ós vencedores do concurso nas difenretes categorías e, coma no caso da pasada Feira do gando vacún, as casas comerciais do Concellos e organismos oficiais tamén colaboran donando numerosos agasallos. Un xurado formado por membros da Federación Galega de Hípica escollerán os gañadores dos galardóns á mellor morfoloxía de cabalo do país, de cabalo e egua galega, de cabalos e eguas cruzadas, de ponis e de asnos e mulas. Estes se decidirán pola mañá, nas probas que terán coma escenario a Praza do Museo. Xa pola tarde, o concurso trasladarase ó campo de fútbol da localidade, onde se celebrarán as probas de andadura de cabalos cruzados, de trotóns e a carreira de caballos.

Os criadores interesados en inscribir ós seus exemplares, perfectamente identificados, poderán facelo na oficina habilitada ó efecto nas instalacións do Mercado Gandeiro antes das 11:00 horas.

Importancia do cabalo

O cabalo garda unha estreita relación coa tradición e a economía do rural galego. Basta lembrar que dúas das tres feiras galegas que gardan estreita relación co mundo do cabalo e que teñen sido declaradas de interese turístico nacional celébranse na provincia de Lugo: As San Lucas de Mondoñedo e a Rapa das Bestas de Candaoso, en Viveiro. Non se pode deixar de lado a presenza do cabalo en feiras de gando como é o caso da que este sábado acolle o Concello de Fonsagrada, e que en todos os casos repercuten positivamente na economía local, así coma a importancia que para o medio ambiente ten o cabalo: a raza autóctona que vive en liberdade, supón un destacado elemento de loita contra os incendios e para o mantemento da cadea alimentaria, sendo soporte alimentario para grandes depredadores. Ademais, moitas da gandeirías de Pura Raza Galega están situadas na Rede Natura.