A Deputación renova o seu apoio a todas as confrarías e agrupacións de mariscadoras da provincia
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, renovou a sinatura dos convenios de colaboración cos que a entidade provincial destina un total de 21.000 euros para apoiar ás confrarías mariñanas e á Agrupación de Mariscadoras da comarca. Coa repetición destas subvencións, a de Lugo convértese na única das tres deputacións galegas con costa que xa renovou as axudas ó sector dos pescadores e mariscadoras que traballan na provincia. Trátase de subvencións de 3.000 euros a cada unha destas agrupacións de profesionais do sector, que están destinadas a impulsar economicamente o desenvolvemento das súas actividades.
Á reunión, na que tamén participou o Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, acudiron todos os representantes do sector: Beatriz Sánchez, vicepresidenta da Agrupación de Mariscadoras de San Cosme de Barreiros; Celia Pacio, José Basilio Otero, María Faustina Solloso, Javier Sánchez, Juan Ramón Lestegás e Domingo Rey, patróns maiores das confrarías de Ribadeo, Burela, O Vicedo, San Cibrao, Foz e Celeiro, respectivamente. No transcurso da mesma, o máximo responsable provincial subliñou quemalia non ter competencias directas na materia, a Deputación quere apoiar a actividade de todas e cada unha das confrarías, exactamente coa mesma cantidade, sen facer diferenzas. Cunha boa xestión, o mar pode ser moito máis produtivo e, precisamente aumentar a produtividade nun momento económico como o actual, ten que contar co apoio de todos. O sector está a pasar graves dificultades. Por exemplo, o número de mariscadores en Galicia reduciuse á metade na última década.
Foz, tamén presente
Se desde hai anos, tradicionalmente na Deputación, só a confraría de pescadores do Vicedo recibía a axuda económica do ente provincial, hoxe son todas, incluída a de Foz, as que contan co apoio da entidade. Neste senso, o máximo responsable provincial subliñou que lonxe quedaron os tempos nos que cada un marchaba polo seu lado. Para mellorar as cousas temos que sumar esforzos, e por iso é fundamental que todos traballemos na mesma dirección. Se a toda a Mariña lle vai ben, á provincia iralle mellor.
Máis promoción dos produtos do mar
O Presidente provincial destacou que o apoio ós traballadores do mar non estaría completo se este se limitara á colaboración coas confrarías: Tan importante coma apoiarvos a vós, é contribuír á poñer en valor o froito do voso traballo. Deste xeito, a través do Plan Estratéxico de Subvencións provincial, a entidade presidida por Gómez Besteiro ten destinado no que vai de ano 22.000 euros para a promoción e posta valor dos produtos do mar, como unha vía fundamental para revitalizar a economía luguesa.
Fixemos o esforzo de manter esta colaboración económica, e mesmo de aumentala. Só en tres anos duplicamos a cantidade, malia que as circunstancias son complicadas para todos. Algunhas das iniciativas ás que se dirixiron eses 22.000 euros foron: a Festa do Berberecho de Foz, a do Percebe de Celeiro, a Feira Produart de Burela ou a popular Festa de Marisco da Mariña que este verán tivo lugar en Foz.
Defensa dos postos de traballo de Alcoa
O Presidente da Deputación volveu insistir na necesidade de coñecer a tarifa eléctrica da que pende o futuro da factoría de Alcoa e súas empresas auxiliares. Para Gómez Besteiro sumar esforzos é a forma de traballar da Deputación, ben como o caso de hoxe coas confrarías, ou ben con casos que tamén son de todos como a supervivencia de Alcoa.
Para o Presidente da Deputación a situación é dramática, xa que de non desbloquearse canto antes a incerteza, a factoría luguesa deixará de recibir pedidos, o que preocupa enormemente á dirección xeral da fábrica. Alcoa de San Cibrao está entre as tres factorías máis produtivas do mundo, é incomprensible que sigamos nesta situación. Besteiro volveu facer un chamamento ó sentido común e confía en que o Goberno Central e autonómico resolvan o que é, sen lugar a dúbidas, o maior problema que hoxe ten a provincia, xunto ó despoboamento e a crise do sector agrogandeiro.