Deputación de Lugo

Deputación e veciños de Palas de Rei reivindican as oportunidades económicas do rural lugués coa 2ª edición de Son d`Aldea

Pilar García presentou as xornadas que acollerá a parroquia de Albá o 7 e 8 de setembro e coas que se amosan as oportunidades económicas das aldeas, revivindo a súa actividade nos anos 40, 50 e 60 Profesionais do sector artesanal e do primario darán conta da riqueza do rural con mostras de oficios tradicionais e produtos autóctonos mentres o grupo de teatro Metátese escenificará a vida cotía nas aldeas durante a súa época de esplendor As 400 entradas dispoñibles están á venda en www.sondaldea.com a prezos de entre 20 a 30 euros

A Comarca da Ulloa, e concretamente a parroquia de Santiago de Albá, no Concello de Palas de Rei, acollerá o venres 7 e o sábado 8 de setembro unha nova edición de Son d`Aldea. Son as xornadas dinamizadoras da cultura do rural, que este ano se estenden a dous días, e que procuran amosar, proxectar e dignificar a vida nas aldeas mediante actividades de participación activa da cidadanía. A Deputada provincial Pilar García presentou hoxe no Parladorio de Arqueixal de Albá a cita coa que, por segundo ano consecutivo, colabora o organismo provincial, “dentro da nosa aposta por potenciar o rural, aproveitando as súas características únicas -dende o contorno natural, o patrimonio, a gastronomía e ata a súa xente- para xerar riqueza, ofrecer alternativas laborais e frear o despoboamento demográfico na provincia”.

No acto tamén participaron o Alcalde palense, Pablo Taboada, o Xerente de Ecoagroturismo Arqueixal, José Luis Carrera Valín, o Presidente da Asociación de Veciños O Parzamique, José Mosquera, e o Director de Metátese Teatro, Alfonso García Penas.

Son d´Aldea está ambientada nas décadas do 40, 50 e 60, anos nos que as aldeas rexistraban a maior parte da poboación e da actividade económica de Galicia, lonxe de grandes concentracións e das industrias. Para revivir esta época de esplendor no rural, profesionais da zona farán demostracións en vivo de oficios tradicionais, dando conta da riqueza artesanal. Deste xeito, no campo da festa de Albá, haberá un torneiro, dúas tecelás, outras dúas cesteiras, un canteiro e un oleiro.

Xunto ós artesáns, traballadores do sector primario amosarán outra das oportunidades económicas das aldeas: a produción de produtos autóctonos de calidade. Haberá unha mostra con viño da Ribeira Sacra (Adega da Veiga. A ermida. Belesar); con produtos lácteos de Arqueixal (Palas de Rei); pan de Carteire (Panadería Irene. Palas de Rei); Maruxas de nata de Cumbraos (Granxa Maruxa. Monterroso); menciñeiras do Coto (MIlhulloa Sociedade Cooperativa. Palas de Rei); Estruba da Baixa Limia (Mestre Martín); ou Galletas Mariñeiras (Daveiga. Agolada). Os produtos cárnicos de Porcos d´Aldea do Cebadeiro de Rumín e os pementos de Mougán tamén terán o seu oco nesta exposición.

Debate o sábado

As oportunidades do rural. Este será o asunto central do ciclo de conferencias que, xunto ás mostras de oficios tradicionais e de artesanía, arrancará Son d´Aldea o día 7 a partires das 17:00 horas. As charlas serán as seguintes: A sociedade rural como obxecto de consumo, a cargo de José Manuel del Barrio Aliste, da Universidade de Salamanca; Desertores do agro, con Lourenzo Fernández Prieto, da Universidade de Santiago de Compostela; Turismo Vinhais –projectar o passado, através das oportunidades presentes, no futuro, con Luís Vale, da Universidade Fernando Pessoa. Porto; e Posta en valor do patrimonio rural, con Sandra González Sousa, da Universidade de Barcelona. Complementan a programación deste venres, unha proxección fotográfica comentada polo fotógrafo Carlos Valcárcel, que terá lugar ás 20:00 horas, e unha peza teatral presentada polos alumnos da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) e outros participantes na Mostra Internacional de Teatro Amador de Palas de Rei, ás 21:00 horas. As actividades do 7 de setembro rematarán cunha cea na que se desgustarán pratos tradicionais e coa actuación musical do grupo folclórico Buxaina.

Teatro o domingo

A xornada do domingo 8 comezará cun Roteiro Teatral que amosará a vida cotiá nas aldeas hai varias décadas. Para elo, artistas de Metátese Teatro, un colectivo cultural que naceu en Palas de Rei no ano 1992 e que integran veciños da zona de todas as idades, distribuiranse en 8 escenarios, dous máis que o ano pasado, da parroquia de Albá: a tenza, a fonte, o prado, a corrupia, a casa caseteira, o forno, a escola e o repestorio. Será un roteiro teatral guiado, cunha duración de 3 horas nas que se percorrerán 2 quilómetros. Posteriormente, ás 14:00 horas, haberá o Xantar na Aldea con pratos tradicionais, que amenizarán os “Gaiteiros de Santo Xusto”. Xa pola tarde, XOTRAMU preparará xogos populares para todas as persoas, ó tempo que se celebrará unha malla popular. Ás 19:00 horas, será a quenda de Celso Sanmartín, que contará uns contos. Unha romaría, un concerto de “Os Modernos” e a actuación da agrupación musical Buxaina poñerán o broche final á segunda edición destas xornadas coas que veciños de Palas de Rei e Deputación de Lugo reivindican as posibilidades económicas do rural lugués.

Participación limitada

O número de persoas que poderán participar nas actividades de Son d´Aldea é limitado a 400 co obxectivo, principalmente, de garantir a accesibilidade ó Roteiro Teatral para o que se farán grupos de 50 persoas. O prezo da entrada para o primeiro día (venres 7 de setembro) é de 10 euros, no caso de comprala antes do día 1, e 15 euros en caso contrario. Participar nas actividades do sábado 8 custará 20 euros a rapaces de 4 a 12 anos e 24 euros ós maiores de mercar as localidades antes do día 1. De facelo máis tarde de dita data, o prezo increméntase ós 25 euros ou ós 30 euros. Os interesados xa reservar as súas localidades, enviando un correo con todos os seus datos a www.sondaldea@gmail.com.