Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo apoia ós traballadores de Alcoa na concentración ante a sede da Xunta en San Caetano

Lara Méndez está en Santiago representando á entidade provincial, que vén de aprobar unha declaración institucional consensuada instando ó Goberno central a presentar unha solución para Alcoa antes do 5 de outubro

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo desprazouse hoxe ata Santiago de Compostela para amosar o apoio do organismo provincial ós traballadores de Alcoa, durante a manifestación convocada hoxe ante a sede da Xunta de Galicia. Esta concentración é outro acto reivindicativo dos que dende hai tempo vén organizando o comité de empresa de Alcoa e que dende un principio contan co apoio activo do goberno lugués.

Esta mañá, centos de traballadores viaxaron dende a Mariña ata Santiago, onde comezou, ás doce do mediodía, unha concentración ante o edificio de San Caetano en defensa da factoría e para insistir, unha vez máis, na entrevista que teñen pendente co conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, quen aínda non os recibiu logo de que se comprometera a sentarse cos traballadores para abordar o futuro da planta. Os traballadores de Alcoa continúan reclamando a implicación do goberno de Feijóo para atopar unha solución que garanta a continuidade da factoría. Alcoa San Cibrao cada vez ten menos tempo, xa que os responsables da empresa teñen fixada a data do 5 de outubro como límite para que o Goberno central se pronuncie sobre a tarifa eléctrica axeitada que permita continuar coa actividade da factoría de San Cibrao e dos milleiros de postos de traballo que dela dependen.

Durante a concentración, a Vicepresidenta Lara Méndez destacou que “hoxe aínda segue a incertidume sobre o futuro de Alcoa e non debemos esquecer que é o motor da Mariña, pero tamén da provincia. Non queremos nin imaxinar o que pode ser de todo Lugo se Alcoa desaparece”. Méndez subliñou que “dende a Deputación seguiremos apoiando ós traballadores de Alcoa e ás súas auxiliares ata o derradeiro momento e agardamos a tan ansiada solución, que será froito da unión de toda a provincia”

Apoio institucional unánime

Precisamente a Deputación vén de aprobar no Pleno ordinario do pasado martes, que contou coa presenza do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, unha declaración institucional aprobada por unanimidade dos tres grupos políticos presentes na Corporación, -PSOE, BNG e PP- e que, tal e como destacou o máximo responsable provincial, José Ramón Gómez Besteiro, “simboliza o respaldo unánime de toda a provincia a Alcoa”.

Nesta declaración, a Deputación insta ó Goberno central a presentar antes do 5 de outubro unha solución encamiñada a acadar unha tarifa eléctrica que permita que a continuidade da planta mariñana e dos 2.000 postos de traballo que xera, do 35% do PIB provincial que supón a súa actividade e do positivo impacto que para a economía do norte de Galicia ten Alcoa San Cibrao.