Deputación de Lugo

O Pleno provincial aprobará o martes a declaración institucional que reivindica a continuidade de Alcoa

Imaxe deputación de lugo
A proposta, que conta co consenso dos tres grupos da Corporación –PP, PSOE e BNG-, insta ó Goberno central a presentar antes do 5 de outubro unha solución ó problema da tarifa eléctrica que evite o peche da factoría sancibrense e a perda de 2.000 empregosEstá prevista a asistencia ó Pleno dos traballadores de Alcoa, que continuarán coa súa demanda dunha tarifa eléctrica axeitada

O Pleno ordinario da Deputación de Lugo que terá lugar o vindeiro martes, 25 de setembro, aprobará a declaración institucional do organismo provincial que reivindica a continuidade da planta de Alcoa en San Cibrao. A proposta conta co consenso dos tres grupos da Corporación –PP, PSOE e BNG- e nela acórdase instar ó Goberno do Estado a presentar antes do 5 de outubro unha solución ó problema da tarifa eléctrica co fin de evitar o peche da fábrica e a perda dos 2.000 empregos xera, entre os directos e os das empresas auxiliares.

A proposta advirte de que fixar unha nova tarifa eléctrica reducida para os grandes consumidores é “un asunto de máxima importancia ao que se lle debe dar resposta e alternativas de xeito inmediato”, pois, de non arbitrarse, pode desaparecer “unha empresa clave no tecido empresarial da provincia de Lugo, que representa o 35% do PIB lucense, xera 2.000 empregos e ten un impacto forte na economía local do territorio que abrangue todo o Norte de Galicia”.

A presentación desta iniciativa dá resposta á petición formal que realizou o comité de empresa da planta cervense de Alcoa a tódolos Concellos da provincia e á propia Deputación para que aprobasen nos seus plenos con carácter urxente unha proposta sobre o establecemento dunha tarifa enerxética competitiva que permita a continuidade da fábrica mariñana. Neste sentido, a Deputación secundou tódolos actos reivindicativos convocados polos traballadores, tamén o apagón eléctrico fixado para o pasado xoves, como símbolo do que pode ocorrer con Alcoa se non se despexan as incertezas sobre o seu futuro.

Ó límite

Alcoa finalizará o seu contrato eléctrico o 31 de decembro, polo que leva meses esperando a que o Executivo de Rajoy negocie coas eléctricas unha nova tarifa enerxética reducida para poder continuar coa súa actividade. Esta demora xa obrigou á multinacional a iniciar expedientes de regulación de emprego nas factorías que posúe en Avilés e A Coruña, afectando a uns 100 traballadores. Segundo Alcoa, este ERES son froito da factura eléctrica, que representa o 40% dos seus custes de produción, polo menos, nas instalacións coruñesas. A fábrica de San Cibrao é a máis competitiva de Alcoa en España debido á súa innovadora tecnoloxía. Isto permítelle aforrar custes de produción e, polo tanto, frear, ata o momento, un ERE na fábrica cervense. Nembargantes, segundo declaracións públicas do Director Xeral de Industria do Goberno de Asturias, Luís Ángel Colunga, esta situación de incerteza fixo que a multinacional xa se plantexe deixar de producir aluminio a partires de xaneiro tanto en Asturias como en Galicia.