Deputación de Lugo

Lugo acollerá dende o 5 de setembro a exposición sobre as orixes do Parlamento de Galicia

Logo de pasar polo Senado e por Ourense e Pontevedra, a mostra continúa en Lugo o seu percorrido polas catro capitais galegasDende unha óptica plural, a mostra explica o nacemento e as dúas primeiras lexislaturas da Cámara cun percorrido documental, fotográfico e audiovisual“Aqueles Primeiros Anos (1981-1989), estara aberta ó público na Sala de Exposición da Deputación de Lugo

A Sala de exposicións da Deputación de Lugo amosará desde o vindeiro mércores, 5 de setembro, a exposición “Aqueles Primeiros Anos (1981-1989)”, organizada polo Parlamento de Galicia para recuperar e poñer en valor as orixes da institución e o proceso de configuración do autogoberno da Comunidade Autónoma.

A Presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, e o Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, serán os encargados de inaugurar a exposición.

A mostra foi inaugurada no Parlamento de Galicia o 4 de xullo de 2011, no marco das actividades organizadas pola Cámara para conmemorar o 30 aniversario do lexislativo galego. Posteriormente, estivo aberta ó público no Senado a partir do pasado 18 de abril, dende onde se trasladou ó Centro Cultural da Deputación de Ourense, onde se puido visitar desde o 29 de maio, iniciando así o percorrido que tamén a levou a Pontevedra (19 de xullo) no marco dunha xira polas catro capitais de provincia de Galicia.

“Aqueles Primeiros Anos (1981-1989)”, ofrece ó visitante unha visión plural sobre a etapa preautonómica e as dúas primeiras Lexislaturas do Parlamento de Galicia, explicando o seu nacemento e desenvolvemento a través dun percorrido documental, fotográfico e audiovisual.

Ó longo desta etapa, o Lexislativo galego chegou a utilizar ata dúas sedes provisionais en Santiago de Compostela (os pazos de Xelmírez e de Fonseca) antes de trasladarse á súa ubicación actual e definitiva, o pazo do Hórreo, construído inicialmente para albergar unha Facultade de Veterinaria pero que, por vicisitudes diversas, foi utilizado, posteriormente, como cuartel militar durante décadas.

Material diverso

A exposición amosa a evolución do Parlamento de Galicia e da política galega ó longo das dúas primeiras lexislaturas (1981-1989) e tamén da etapa preautonómica (1977-1981) a través dos seus persoeiros, con fotografías a tamaño real, en branco e negro dos mesmos; con 24 paneis explicativos cun gran número de fotografías nos que se analizan os 26 fitos máis significativos e cruciais en "Aqueles primeiros anos (1981-1989)" e tamén unha montaxe audiovisual.

A mostra configúrase como unha amena crónica visual, xurdida para poñer en valor a tarefa loable protagonizada polos primeiros deputados autonómicos da historia de Galicia.