Deputación de Lugo

Deputación e Concello do Incio potencian a canteiría e o porco celta, que xeran beneficios de 7 millóns de euros en Galicia

Fanno coa IV Feira de Artesanía e Etnografía, que se celebrará neste municipio o domingo co financiamento da Deputación a través do Inludes, e na que haberá demostracións en vivo de canteiros, xantar degustación de porco celta e stands de artesanía e produtos gastronómicosAdemais da aportación económica, a Deputación achegará ó Incio unha mostra de 11 traxes rexionais confeccionados polos artesáns do Obradoiro do Traxe Rexional do Centro de Artesanía e Deseño

O Concello do Incio acolle esta fin de semana a Feira da Artesanía e Etnografía, que ven celebrándose dende o ano 2009 e que este ano homenaxea a tradición canteira da provincia.
Este evento, que reunirá nas inmediacións da Casa do Concello multitude de postos. Ademais, por vez primeira coincidirá nas datas de celebración co xantar degustación de porco celta organizado pola cooperativa de criadores desta raza.

Este tipo de eventos organizados co gallo de impulsar os produtos autóctonos e os oficios tradicionais contribúen á difusión da calidade e variedade da gastronomía e artesanía da provincia e abren novas vías de comercialización para actividades, como a canteiría ou a cría de razas autóctonas coma o porco celta, que recollendo o mellor da tradición supoñen un importante potencial de crecemento económico para o futuro. Así pois, calquera iniciativa que contribúa a fomentar e asentar estas actividades beneficiosas para as economías locais supón unha inversión, máis que un gasto.

As cifras veñen a confimar os beneficios que aportan este tipo de actividades, consolidándose como algunha das máis resistentes fronte á crise. De feito, segundo os datos da FDP (Federación Española de la Piedra Natural), as exportacións de pedra de cara ó estranxeiro aumentaron nun 8,5% o pasado ano, xerando un beneficio de preto de 825 millóns de euros. Os traballos da pedra enfócanse fundamentalmente a traballos coma o da rehabilitación, que se ten revelado coma un novo nicho de emprego na provincia de Lugo: a Federación Galega da Construción rexistrou no 2011, só en obra pública, un investimento que triplicou ó do ano anterior, pasando de 1,8 millóns de euros a superar os 5 millóns.

Pola súa banda, a cría do porco celta é tamén capaz de xerar un destacado volume de negocio con cifras moi similares ás anteriores. A cría desta raza autóctona xerou na comunidade durante o pasado ano unha cifra de negocio próxima ós 2 millóns de euros coa venda duns 5.000 exemplares para particulares, recría e produtos transformados. Iso sen ter en conta as positivas repercusións que a cría que se leva a cabo de xeito extensivo, como é o caso da cooperativa do Incio, ten para as economías familiares e para a conservación das terras, actuando coma un factor de prevención dos incendios forestais ó contribuír a que os montes nos que se crían se atopen libres de maleza. O Concello do Incio destaca na cría de porco, situándose á cabeza da provincia en número de explotacións de cría de porco celta, cun total de 7.

Este é o motivo fundamental polo que a Deputación colabora con este tipo de iniciativas, apostando por poñer en valor, difundir e mellorar a comercialización dos produtos da provincia como unha vía para revitalizala zona rural e frear a grave perda de poboación que está a padecer. Neste senso, a institución luguesa, a través do Plan Estratéxico de Subvencións do INLUDES, destina este ano un total de 100.000 euros para apoiar certames encamiñados a xerar riqueza na provincia, aproveitando os seus recursos agroalimentarios e artesanais. Esta Feira do Incio é un dos 25 eventos que neste 2012 reciben axuda económica por parte da institución provincial para a súa posta en marcha. Dita liña de axudas non só está orientada ó apoio deste tipo de iniciativas, senón que tamén se dirixe cara ó tecido asociativo, como é o caso da Cooperativa de criadores de porco celta deste Concello que por vez primeira, celebra o seu tradicional xantar degustación facéndoo coincidir coa data da feira.

Exhibición de traxes do CENTRAD

Ademais de este apoio financeiro, a Deputación levará ata Incio unha mostra dos traballos realizados no Centro de Artesanía e Deseño, concretamente no Obradoiro do Traxe Rexional. Trátarse dunha colección formada por 11 traxes rexionais, deseños propios dos artesáns do Centro e inspirados en pezas tradicionais de diferentes rincóns da xeografía galega.

As pezas que estarán expostas no Multiusos do Concello son as seguintes:

2 traxes de gala de home

2 traxes rústicos de muller: un deles azul, composto de falda, camisa e lera elaborados en tear tradicional e un de falda tradicional, camisa de lenzo, mantón e mandil

2 traxes dos chamados “picados”, nos que destacan as faldas de feltro e veludo sobrepostocon ornamentos en forma de flores

5 traxes de gala de muller: un de capa roxa e otro cunha capa de “parlamentas”, formada por dúas pezas superpostas, propios dos traxes da zona da Coruña; e otros tres espectaculares, con dengue e mantelo clásicos, bordados en cristal de Swaroski, inspirados na tradición dos traxes de gala da provincia de Lugo

Ademais desta mostra de vestimenta tradicional, e tendo en conta que este ano a programación da Feira está adicada ós traballos da pedra, o CENTRAD tamén facilitou a presenza dun canteiro que fará demostracións en vivo. As pezas resultantes do seu traballo tamén quedarán expostas durante a xornada.

Demostracións en vivo, música e conferencias

Os actos programados arrincan ás 11:00 horas, coa apertura dos postos nos que se poderán mercar variados produtos gastronómicos e pezas de artesanía. Será a partires das 12:00 horas cando os visitantes poderán optar por visitar o Multiusos do Concello para admirar os traxes rexionais ou as pezas de canteríria expostas nas inmediacións. Ás 14:00 horas comezará o xantar de degustación de porco celta, organizado pola Cooperativa Goó. A programación complétase con obradoiros para nenos, demostracións de oficios tradicionais, xogos populares, actuacións musicais, pasarrúas, e mesmo unha conferencia que versará sobre o traballo dos canteirose que será ofrecida por Carlos Solla, escritor e recoñecido etnógrafo galego.