Deputación de Lugo

Gómez Besteiro acode novamente á celebración do Día da Flor, organizada pola Federación de Asociacións Veciñais lucenses

A tradicional cita concregou no parque do Rato a centos de lucenses que foron agasallados con flores e plantas aromáticas e mediciñais cedidas polos usuarios dos hortos Na cita tamén houbo unha degustación de produtos cultivados nos preto de 320 hortos deste proxecto situados nas ribeiras do Rato e na zona da Ponte RomaiOutra das iniciativas da Federación de Asociacións Veciñais, o Día do Veciño, celebrarase este domingo e no xantar previsto os produtos autóctonos volverán ter protagonismo

A tradicional celebración do Día da Flor, coma vén sendo habitual dende a súa posta en marcha hai seis anos, organiza a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, coa colaboración da Deputación de Lugo tivo lugar este xoves nas inmediacións do río Rato.

Durante esta cita, que supón o peche da tempada de primavera e verán das actividades veciñais nos hortos, os preto de 300 lucenses que acudiron ata o Rato foron agasallados con flores e plantas mediciñais e aromáticas cedidas polos veciños que traballan os hortos situados na zona do río Rato e da Ponte Romai. Coma vén sendo habitual, a festa contou coa presenza do Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, un dos moitos lucenses que nunca se perden esta tradicional cita da vida veciñal de Lugo.

Gómez Besteiro destacou que “esta data, que chega a súa sexta edición, xa é tradicional na vida da cidade. O éxito de convocatoria desta celebración, así como doutras moitas que os veciños poñen en marcha durante o resto do ano, amosa que o tecido asociativo é imprescindible para promover iniciativas que dinamicen o eido local e os produtos autóctonos e, por iso, merecen o apoio das institucións”.

Ademais de flores e plantas, os asistentes tiveron a oportunidade de degustar os froitos do traballo nos hortos, xa que os “agricultores” cederon parte das súas colleitas para elaborar a variedade de preparacións posibles que admiten os produtos de horta como ensaladas ou hortalizas á brasa. Diferentes variedade de pementos, leitugas, tomates, guisantes, patacas, calabacíns, allos, cebolas ou espinacas, xunto con outras máis exóticas cultivadas por veciños procedentes doutros países foron algunhas das hortalizas das que os asistentes deron boa conta.

Proxecto pioneiro en Galicia

Estes hortos urbáns son un proxecto pioneiro que puxo en marcha a Deputación de Lugo hai xa sete anos, cedendo terreos na contorna do Rato e da Ponte Romai para que, de xeito totalmente gratuíto, os veciños que o desexaran puideran cultivar os seus propios produtos de horta. A día de hoxe os preto de 320 hortos ocupan unha superficie de case 1,3 quilómetros da zona do Rato.

A través desta iniciativa, que contou cun grande éxito dende os seus comezos, tamén son numerosas as entidades sen ánimo de lucro que prestan servizos de carácter social e programan actividades en hortos concertados.

Dende os inicios do proxecto a Deputación puxo a disposición dos usuarios, de xeito totalmente gratuíto, todas as facilidades, coma sistema de rego, aperos dispoñibles para aqueles que non contan cos seus propios e mesmo unha pequena biblioteca na que se poden consultar libros de xardinería ou de cultivos de hortalizas. Ademais, a iniciativa tamén recibe unha aportación económica destinada á compra de sementes, á contratación de monitores que prestan asesoramento e axuda ou á organización de cursos de formación en colaboración coa Universidade sobre materias coma abonos ou técnicas de inxerto que comezan neste outono, época na que o volume de traballo na horta é menor.

O domingo, Día do Veciño

Outra das tradicionais actividades organizadas pola Federación Veciñal lucense, que con 121 colectivos é a máis grande de Galicia, é a festa do Día do Veciño, que se celebra este domingo. Haberá un xantar elaborado con produtos autóctonos e a tradicional entrega de diferentes galardóns. Agárdase que a asistencia sexa un éxito, superando mesmo os 3.000 lucenses presentes o ano pasado.

A lista de actividades é máis ampla ó longo de todo o ano: a degustación de setas, o Magosto ou as camiñatas polo Rato son outras das actividades que permiten ós lucenses sacar o máximo rendemento das moitas zonas verdes coas que conta a capital lucense, así como da vida veciñal.