Deputación de Lugo

O Centro de Artesanía e Deseño entrega á Tradescola de Lugo tres zanfonas elaboradas polos seus artesáns

Os artesáns do Obradoiro de Instrumentos Musicais fixeron a man estes instrumentos de corda, que se usarán nas clases de música tradicional impartidas na Tradescola O acto contou coa presenza de ducias de alumnos desta escola, que coñeceron o son do instrumento no concerto do zanfonista Germán DíazAdemais do obradoiro musical, o CENTRAD conta cunha Exposición Permanente de Instrumentos e Obxectos Sonoros incluída no Directorio de Museos e Coleccións do Estado, biblioteca e arquivo de libre consulta

O Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación de Lugo, acolleu este mércores un emotivo acto, que consistiu na entrega á Tradescola lucense de tres zanfonas, instrumento tradicional de corda, elaboradas polos artesáns do CENTRAD que desenvolven ó seu labor no Obradoiro de Instrumento Musical. A Deputada delegada da área de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presidiu un evento, no que estiveron Xohán Manuel Tubío, Secretario da Asociación de Gaiteiros Galegos, en representación da Tradescola, e o Concelleiro de Cultura de Lugo, Antón Bao. Como público acudiron ducias de rapaces que reciben ensinanzas de música galega nas instalacións da Tradescola situadas na capital lucense, así como de autoridades que non quixeron perder a velada musical, pois os asistentes, ademais de coñecer de primeira man o aspecto e características deste instrumento propio da tradición musical galega, escoitaron o seu son durante o concerto co que se pechou a velada.

A elaboración destes tres instrumentos por parte do CENTRAD deixa constancia do bo facer dos profesionais, reputados a nivel nacional e internacional, que desenvolven o seu labor nas instalacións do Centro, e que contribúen á conservación e potenciación da tradición cultural, neste caso musical, da provincia e de toda Galicia. Nese sentido, Regina Polín lembrou que “dende o Centro de Artesanía e Deseño continuamos traballando para achegar os nosos sinais de identidade a todos os lucenses. Lugo conta cunha abundante tradición cultural e artesanal que hai que preservar e potenciar”.

Polín tamén destacou a mestría dos artesáns luthiers do obradoiro que se encargaron de elaborar estas zanfonas, “dos que me sinto moi orgullosa porque son dos mellores que hai no seu, ó igual que o resto de artesáns que traballan nos obradoiros deste Centro”.

Rexurdimento deste instrumento

A zanfona é un instrumento de corda, composto por unha roda de madeira resinada que frota as dúas ou tres cordas coas que conta facéndoas vibrar, mentres que un teclado incide sobre elas, variando a súa lonxitude e xerando as diferentes notas. O seu aspecto é bastante similar ó dunha guitarra, malia que, para tocala, a zanfona mantense sobre as pernas.

No caso concreto destas tres, chamadas “de estudio”, foron elaboradas integramente a man (dende o tratamento das madeiras ata a mestura de resinas para elaborar o verniz), polo artesán do CENTRAD Antonio Franco, para o que empregou madeira de palosanto, nogueira do país e abeto alemán e para as que dedicou un tempo aproximado de 2 a 3 meses para cada unha delas. Hai que ter en conta a minuciosidade do traballo, xa que cada zanfona está composta por unhas 300 pezas individuais.

Este é un instrumento cuxas orixes se remontan á Idade Media e que forma parte da memoria colectiva galega, especialmente pola tradición dos “cantares de cegos”. Actualmente está vivindo un rexurdir, grazas ó labor de recuperación levado a cabo dende o propio Centro de Artesanía. Hoxe en día hai unha inmensa demanda por parte de profesionais e afeccionados, desexosos de facerse con algún destes raros instrumentos. De feito, a propia Tradescola non tiña instrumentos necesarios para facer fronte ó interese que a zanfona suscita.

Concerto de zanfona

No mesmo acto de hoxe, os asistentes puideron comprobar o son da zanfona, algo que a inmensa maioría descubría por primeira vez. Foi durante o recital que ofreceu o destacado músico Germán Díaz, que interpretou unha serie de pezas do seu espectáculo Método Cardiofónico, no que Díaz acompaña o son da zanfona con sons de latidos de corazóns, gravados en vinilo polo doutor Iriarte nos anos 40, e que o músico emprega como base rítmica.

O CENTRAD e a música

Da estreita relación do Centro de Artesanía e Deseño coa tradición musical dá boa mostra o feito de que este conte cunha Colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros, declarada Visitable pola Xunta de Galicia no ano 2008 e que forma parte do Rexistro de Museos e Coleccións de Galicia (MUGA). Precisamente foi o ano pasado cando acadou, pola súa importancia e sona fóra da nosa terra, que o Ministerio de Cultura a inclúa no Directorio de Museos e Coleccións do Estado. Esta colección é visitada moi a miúdo polos viaxeiros do Km0, pero calquera pode achegarse ata as instalacións do Centro, situado na Rúa Chantada, e percorrer as salas de catro xeitos diferentes (visitas libres, guiadas, técnicas e activas) de xeito totalmente gratuíto.

Os horario de visita son de 10:00 a 14:00, se ben este é flexible, de xeito que permite adaptarse ás necesidades dos visitantes. Ademais, todas estas visitas pódense completar cun percorrido polo obradoiro do instrumento ou consultar libremente os fondos da biblioteca e arquivo especializados, que inclúen un servizo de préstamo.