Deputación de Lugo

A XVI Artesanfroilán abre as súas portas sendo referencia do sector en Galicia pola súa calidade e rendibilidade

Gómez Besteiro e Polín asistiron á apertura desta tradicional mostra que a Deputación de Lugo pon en marcha por estas datas para promocionar a artesanía lucense de cara ó exterior e apoiar a celebración das festas25 artesáns venderán pezas de xoiería, bisutería, cerámica, téxtil, coiro, madeira, pintura, vidro e flor seca e outros 8 amosarán a súa visión das festas con traballos en diferentes técnicas artesanaisArtesanfroilán abrirá na carpa instalada na Praza de Anxo Fernández Gómez, detrás da Casa do Concello, ata o día 12 deste mes, en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 21:30 horas, agás o día 12, no que pechará ás 21:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañados polos artesáns presentes na mostra, abriron as portas da 16ª edición do Artesanfroilán, a feira de artesanía que, como xa é habitual dende hai anos, a Deputación de Lugo pón en marcha durante as festas do San Froilán e que ten coma obxectivos dar a coñecer a riqueza artesanal da provincia de cara ó exterior, aproveitando a enorme afluencia de visitantes que durante estes días recibe a cidade, ó tempo que apoian uns festexos que supoñen un importante impulso á economía local.

Ano tras ano, o San Froilán deixa na cidade máis de 15 millóns de euros en beneficios, superando amplamente o custe que supón a súa organización. Tal e como destacou o máximo responsable provincial “é un feito que o apoio a iniciativas que atraen visitantes son un impulso máis que notable para as localidades que as acollen e para as limítrofes, porque son todos os sectores os que vén incrementados os seus ingresos”. Tamén quixo subliñar que este apoio “debe ter continuidade no tempo e non limitarse ás datas festivas”. Nesta liña, o Presidente da Deputación citou coma exemplos o feito de que a carpa que acolle a mostra “será reutilizada tras estas festas para celebrar o Outlet que organiza a Asociación de Autónomas lucense que, por certo, o pasado ano acadou un volume de negocio de preto de 100.000 euros”.

O Artesanfroilán xa se ten convertido nunha das mostras do sector de maior sona e máis rendibles de Galicia. Isto débese en gran medida a que, a cambio do desembolso de 360 euros que fan os profesionais que participan (o que supón unha terceira parte do que abonan por outras similares), a feira supera amplamente os 100.000 euros de volume de negocio en cada edición, ó tempo que a Deputación vén asumindo a totalidade dos custes desta, co que os beneficios para o sector son maiores. O enclave estratéxico da feira, que dende hai catro anos se sitúa nunha céntrica zona de paso de milleiros de persoas grazas á colaboración co Concello de Lugo, contribúe a aumentar máis se cabe o volume de vendas.

25 artesáns e 26 “stands”

Os 25 artesáns que estarán presentes no Artesanfroilán, o 80% dos cales son lucenses, foron seleccionados segundo criterios coma a calidade dos traballos, que estiveran representadas a a maior variedade de técnicas posible, a sostenibilidade e a innovación amosadas no proceso produtivo ou o respecto polo medio ambiente, todas elas sinaladas nas bases que rexeron a selección de participantes, entre as preto de 70 solicitudes achegadas.

19 artesáns procedentes dos Concellos de Lugo (7), Viveiro (4), Ribadeo (2), Vilalba (1), Monforte (1), Mondoñedo (1), Courel (1) e Cervo (1), e outros seis chegados das provincias da Coruña (3), Pontevedra (2) e Valladolid (1), porán á venda pezas de xoiería e bisutería, cerámica, téxtil en lá e encaixe, coiro, elementos decorativos e xoguetes realizados en madeira, pintura decorativa, variados complementos de vestir elaborados con diferentes materiais, zapatos ou traballos en vidro e flor seca.

Aparte do destacado volume de negocio, outro dos atractivos que ten esta mostra para os artesáns é o premio de 1.000 euros en metálico que premia o expositor de máis calidade, tendo en conta factores coma a orixinal presentación do produto e o esforzo por mellorar a calidade da feira.

No “stand” 26 non haberá produtos á venda, senón unha pequena exposición que constitúe a novidade máis destacada deste ano. Oito destacados artistas e artesáns amosarán a través dos seus traballos que lembranzas e impresións lles evoca o San Froilán. Para plasmar a súa particular visión das festas, estes consagrados profesionais empregan materiais coma madeira, pedra, téxtil, cerámica ou ferro.

Días e horarios de apertura

Artesanfroilán quedará aberto na carpa instalada na Praza de Anxo Fernández Gómez, situada tras a Casa do Concello lucense ata o vindeiro día 12 de outubro, en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 21:30 horas, agás o propio día 12 no que pechará ás 21:00 horas. A entrada é gratuíta.