Deputación de Lugo

A Feira Outlet dos comerciantes lucenses abre as súas portas por terceiro ano ofrecendo descontos de ata o 80%

Regina Polín, Esther Muñoz e Nora Real presentaron a 3ª edición da feira que pretende dar un impulso á actividade comercial dos autónomos nun momento de dificultades para o sector31 negocios da cidade porán á venda os seus stocks de zapatería, confección, complementos, mercería, xoiería, bisutería, óptica, droguería, pel ou decoración con descontos de ata o 90% A feira estará aberta dende o sábado 13 ata o luns 15 de outubro na mesma carpa onde estivo instalado o Artesanfroilán, que vén de pechar cun volume de negocio semellante o do pasado ano

A Deputada de Deseño e Artesanía, acompañada pola Concelleira de Educación, Formación e Orientación Laboral, Esther Muñoz, e a Presidenta da Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo, Nora Real, presentaron este xoves a Feira Outlet, que abrirá as súas portas na praza de Anxo Fernández Gómez, situada tras o Consistorio lugués. Esta feira reúne a comerciantes da cidade, que poñen á venda os seus stocks a prezos moi vantaxosos e que chega a súa 3ª edición precedida polo éxito das anteriores convocatorias. Tal e como sinalou Regina Polín “esta é unha feira moi rendible, posto que os nosos comerciante conseguen un nivel importante de vendas e ademais optimizamos recursos, empregando as mesmas instalacións preparadas para o Artesanfroilán, de xeito que os custes da súa posta en marcha son mínimos”

Polín quixo destacar a importancia de colaborar con este tipo de iniciativas, salientando as vendas acadadas nas pasadas convocatorias, que conseguiron xerar un volume de negocio duns 100.000 euros, o que supón “un beneficio medio de 3.500 euros para cada comerciante”. A Deputada subliñou a necesidade de levar a cabo accións de apoio a un sector que está a atravesar graves dificultades económicas. “Que ninguén esqueza que, nos últimos anos, fomos testemuñas do peche de preto de 400 negocios só na capital da provincia e agora as medidas postas en marcha polo Goberno central están asfixiando máis se cabe a un sector que xa atravesaba unha etapa de dificultades”. Neste sentido, lembrou iniciativas coma o pasado Street Market, ou a colaboración que se ofrece dende a Fundación TIC para a elaboración de material audiovisual enfocado á promoción e publicidade dos negocios da provincia.

Pola súa banda, Esther Muñoz quixo salientar o feito de que esta Feira sexa posta en marcha por mulleres e animou ós lucenses a saír á rúa e afrontar a situación “con toda a ilusión posible nestes tempos difíciles”.

A Presidenta das Autónomas lucenses aproveitou para agradecer a colaboración que prestan Deputación e Concello ás iniciativas que pón en marcha a asociación que ela preside.

Centos de produtos a prezos reducidos

Preto de 31 comercios de Lugo estarán nesta Feira Outlet, malia que as solicitudes foron moitas máis, e que porán á venda centos de variados produtos procedentes de stock con descontos entre o 50% e o 90%. Zapatería, téxtil, xoieiría, mercería, óptica, droguería, lencería, fogar, pel, complementos ou agasallos serán algunha das mercadorías que se poderán mercar, moitas delas de destacadas marcas internacionais.

O importante nivel de vendas acadado nas anteriores convocatorias fixo que este ano sexan tantos máis os negocios participantes.

A 3ª Feira Outlet vén precedida do éxito colleitado na última das iniciativas de este tipo que a asociación de comerciantes puxo en marcha co respaldo de Deputación e Concello, o Street Market, xornada durante a que os negocios da capital sacaron a súa mercancía ás rúas, animando o consumo entre veciños da cidade e visitantes, ou doutros eventos coma a Noite Aberta, que tamén contou co apoio de Deputación e Concello.

Días e horarios de apertura

A Feira Outlet quedará aberta na carpa instalada na Praza de Anxo Fernández Gómez, situada tras a Casa do Concello lucense dende o sábado 13 ata o vindeiro día 15 de outubro, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:30 horas, agás o sábado, día no que abrirá dende as 18:00 ata as 22:00 horas.