Deputación de Lugo

A Deputación fai auditorías e asesora gratis a 36 empresas para que impulsen o seu negocio coas novas tecnoloxías

A través do Plan de Dinamización do Uso das TIC nas PEMES, cofinanciado nun 89% polo Ministerio de Industria, o organismo lugués orienta ás firmas na incorporación de melloras como a factura electrónica, venda por Internet, publicidade na Rede ou banca electrónica O Presidente, que informou no hotel Torre de Núñez, unha das empresas adheridas, do inicio da fase de auditorías, enmarcou este programa na “aposta decidida da Deputación polas PEMES e os autónomos, a verdadeira columna vertebral da economía do país”En tan só 3 semanas, sumáronse a esta iniciativa 36 PEMES, pero quedan 14 prazas libres, polo que os interesados deben anotarse canto antes, accedendo á web http://inlugo.deputacionlugo.org ou chamando ó número de teléfono 982-22-51-86

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, informou este mércores de que un total de 36 empresas da provincia se sumaron a un novo programa impulsado polo organismo provincial que potencia o uso das novas tecnoloxías nas PEMES para que sexan máis competitivas, melloren a súa produtividade, reduzan custes e xeren emprego. Trátase do Plan de Dinamización do Uso das TIC nas PEMES, financiado nun 89% polo Ministerio de Industria, “que nos esixe ter rematadas e xustificadas as actuacións a finais de ano. Non podiamos retrasar, polo tanto, a súa execución porque corremos o risco de perdelas axudas”, explicou o Presidente nunhas declaracións efectuadas no hotel Torre de Núñez de Lugo, unha das firmas adheridas ó proxecto. Dos 108.000 euros de orzamento, a Deputación achega 12.000 e Industria os 96.000 restantes.

A través deste plan, que Gómez Besteiro enmarcou na “aposta decidida da Deputación polas PEMES e os autónomos, a verdadeira columna vertebral da economía do país”, a institución luguesa ofrece, de xeito totalmente gratuíto para as firmas participantes, dous servizos:

Por un lado, a fase que arranca hoxe mesmo, fará auditorías ás empresas para avaliar cal é o seu grao de incorporación ás novas tecnoloxías, e logo determinar as melloras que máis lle conveñen para impulsar a súa actividade ou incluso abrir novas oportunidades de negocio. Trátase de melloras como a conexión a Internet de banda longa; crear unha páxina web; implantar a factura electrónica, que reduce custes e tempo; a venda por Internet, que abre novos mercados por todo o mundo; facer publicidade na Rede, para aumentar as vendas, pero tamén fidelizar clientes; ou optar polas operacións bancarias a través da Rede (a banca electrónica) para axilizar pagos e cobros.

Por outro lado, a Deputación ofrecerá ós empresarios asesoramento técnico personalizado, tamén a custe cero, tanto para elixir as mellores e máis convenientes ferramentas tecnolóxicas, como durante o proceso de incorporación das mesmas.

Asumindo estes servizos -as auditorías e o asesoramento técnico- a Deputación aforra de media a cada empresa uns 2.500 euros, que é o que terían que pagar se tivesen que contratar a nivel particular estas prestacións.

Por debaixo da media

O Presidente, que estivo acompañado da xerente do hotel Torre de Núñez, Ana Núñez, destacou a necesidade de impulsar este tipo de iniciativa porque, segundo o Instituto Nacional de Estadística (INE), o uso das TIC nas empresas galegas con menos de 10 empregados –a gran maioría en Lugo- está por debaixo da media do Estado. Puxo dous exemplos: “O 40% destas firmas non teñen conexión a Internet e preto do 75% non contan con páxina web, esto quere decir que temos que traballar neste ámbito”.

Como exemplo dos bos resultados que pode obter unha empresa utilizando as TIC, Gómez Besteiro puxo os casos de Bicicletas Guillermo de Monforte, coa que precisamente a Deputación colaborou en anteriores accións de difusión das ventaxas competitivas das TIC e que duplicou as vendas dende que pasou a ofrecer os seus artigos por Internet; ou Pescados Pepa de Burela, que está na plataforma de comercio electrónico da Deputación www.losprouctosdelugo.com e as súas vendas on line representan a día de hoxe un 10%, e prevén subilas ó 25%.

O caso de Torre de Núñez

Pola súa banda, a xerente do Torre de Núñez explicou que decidiu sumarse ó programa da institución provincial porque “nun negocio coma o noso, de hostalería, as novas tecnoloxías son un campo que temos que desenvolver máis intensamente, sobre todo tendo en conta que, cada vez máis, a decisión dos clientes de optar por un ou outro establecemento depende cada vez máis da información atopan en Internet”.

36 empresas en só tres semanas

En tan só tres semanas adheríronse ó Plan de Dinamización do Uso das TIC nas PEMES un total de 36 empresas de 17 Concellos de toda a provincia. Os sectores alimentario e hoteleiro son os maioritarios ata o momento (en concreto representan o 80% das firmas adheridas), seguidos da restauración, o comercio e os servizos de ocio.

En calquera caso, o Plan está arrancando e ten capacidade para 50 empresas, polo que quedan 14 prazas. Todos aqueles empresarios que estean interesados poden sumarse, pero deben facelo canto antes, como máximo ata o 30 de novembro. Para elo, poden dirixirse á páxina web do Centro de Innovación Social, o In Lugo, a través do que se canalizan todas estas accións, http://inlugo.deputacionlugo.org, onde teñen toda a información ó respecto, ou ben chamár ó número de teléfono 982-22-51-86.

Comercio electrónico e formación

As auditorías e asesoramento tecnolóxico gratuíto súmase a outras iniciativas que a Deputación ten emprendido para que as empresas lucenses aproveiten as ventaxas competitivas que supón utilizar as novas tecnoloxías. Deste xeito, puxo en marcha con fondos europeos a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com na que a día de hoxe 50 empresas da provincia venden 200 produtos e servizos, e está a impartir un centenar de cursos con capacidade para 1.500 persoas nos que mostra como sacarlle o máximo partido ás TIC, tanto na vida persoal, como para atopar traballo ou impulsar un negocio.