Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos loce en cor rosa no Día Internacional contra o Cancro de Mama coma símbolo de apoio ás mulleres

Ademais do edificio en rosa, a lectura dun manifesto, a colocación dun gran lazo rosa na fachada e a instalación dunha mesa informativa foron algún dos actos cos que a institución provincial e a Asociación Española contra o Cancro conmemoraron este día Durante a lectura, a Vicepresidenta Lara Méndez destacou que a prevención ten garantido a supervivencia no 80% dos casos, polo que “é fundamental que probas, como as mamografías, continúen a formar parte da carteira básica de servizos da Sanidade Pública”

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e a Presidenta da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Lugo, Mª Concepción de Martín, participaron nos actos conmemorativos do Día Internacional contra o Cancro de Mama que tiveron lugar na Deputación de Lugo, e que foron algúns dos que se organizaron na cidade con motivo desta data. Estes deron comezo ás 18:30 horas na Praza de San Marcos, se ben xa dende primeiras horas da mañá un enorme lazo de cor rosa, que é o símbolo internacional da loita contra esta enfermidade, pendurou do balcón principal do edificio sede do goberno da provincia.

Así mesmo, a AECC achegou información acerca da súa actividade, así como da enfermidade, ás ducias de lucenses que se achegaron ata o punto informativo instalado na Praza de San Marcos dende primeiras horas da mañá. Todas estas iniciativas pretenden chamar a atención e sensibilizar á sociedade acerca desta enfermidade, así como convencer á cidadanía da importancia dos métodos de prevención e detección precoz, fundamentais para aumentar os, xa de por sí, cada vez máis altos índices de curación.

No acto, que tamén contou coa presenza da Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, así como doutras autoridades, Méndez destacou que os programas de detección precoz “teñen garantido a supervivencia no 80% dos casos, polo que é fundamental que probas como as mamografías, continúen a formar parte da carteira básica de servizos da Sanidade Pública”. Igualmente, quixo agradecer o labor de “médicos e investigadores, así coma no dos centos de socios, de voluntarios e colaboradores que forman parte da Asociación Española contra o Cancro”, lembrando que na Deputación Provincial “tedes un fiel aliado”. De feito, dende hai anos o Pazo de San Marcos é un dos puntos onde quedan instaladas as mesas de cuestación do Día Internacional contra o Cancro, que se celebra o 4 de febreiro.

A Presidenta da AECC en Lugo foi a encargada de dar lectura ó manifesto, no que subliñou a importancia da detección precoz do cancro para superar a enfermidade, ademais de sinalar que a asociación ten comprometidos na actualidade 2 millóns de euros para 8 proxectos de investigación do cancro de mama.