Deputación de Lugo

A Deputación completará a selección dos 70 beneficiarios das becas Leonardo con entrevistas ós aspirantes entre os días 20 e 23

A institución luguesa publicou este martes na súa web www.deputacionlugo.org a lista dos 90 mozos que chegaron a esta última proba, tras un exame e a baremación de méritos Os bolseiros mellorarán as súas posibilidades de inserción laboral tras facer prácticas en empresas de Alemaña, Austria, Italia, Portugal, República Checa, Reino Unido e Irlanda

A Deputación de Lugo completará o proceso de selección dos 70 beneficiarios das novas bolsas de emprego que ofrece a mozos titulados da provincia con entrevistas persoais ós aspirantes, convocadas para entre os vindeiros días 20 e 23 de novembro nas dependencias do Pazo de San Marcos. O organismo provincial publicou este martes na súa páxina web www.deputacionlugo.org a lista dos 90 mozos que chegaron a esta última proba para facerse con unha destas becas Leonardo da Vinci, tras un exame tipo test e a baremación dos méritos acreditados. Na mesma listaxe, os aspirantes poden consultar a hora á que están convocados para a entrevista persoal.

Tras esta última fase do proceso de selección, a institución luguesa publicará a lista de admitidos definitivamente no Taboleiro de Anuncios da Deputación e da Fundación TIC, así como na web www.deputacionlugo.org Despois tramitarase toda documentación necesaria para que os mozos seleccionados poidan partir en xaneiro ó país de destino, onde recibirán formación ata finais de maio, principios de xuño.
Loita contra o desemprego
Os beneficiarios teñen nestas novas becas unha oportunidade das que cada vez existen menos polo descenso do investimento que aplicou neste ámbito o Goberno central, dun 3,8% para o ano 2013, e unha ferramenta para loitar contra o desemprego, que se disparou ata os 26.323 parados no mes de outubro na provincia, un 4,29% máis que o mes anterior, e un punto máis que a media galega, que foi do 3,25%.

A Deputación ofrece 70 becas enmarcadas no programa europeo Leonardo da Vinci, de dous tipos:
Lugojob: Son 50 becas para lucenses menores de 35 anos con formación universitaria relacionada cos seguintes sectores: agricultura, silvicultura, pesca, protección do medio ambiente, turismo, informática e ciencias da vida. Lugojob ofrécelles prácticas en empresas de Alemaña, Austria, Italia, Portugal, República Checa, Reino Unido e Irlanda durante 3 meses e medio.

TIC Lugo: a Fundación TIC, como organismo provincial especializado no desenvolvemento das tecnoloxías da Información e da Comunicación, xestiona 20 becas para lucenses menores de 30 anos, que nos últimos tres anos remataron os seus estudos na Escola de Imaxe e Son da TIC. Ticlugo ofrécelles prácticas en empresas de Portugal, Italia e Irlanda durante 3 meses.

Preto de 150 becas
Con estas 70 novas becas, son preto de 150 as que leva impulsado a Deputación para abrir novas oportunidades laborais ós mozos lucenses. Deste xeito, ademais das 18 do programa Lug02, centradas en profesións relacionadas co medio ambiente, o organismo provincial ofreceu 24 para formar a guías medioambientais especializados nas Reservas da Biosfera; e desenvolveu 30 de innovación, pioneiras en Lugo neste sector; e 5 de artesanía e deseño.