Deputación de Lugo

A Deputación destina 5 millóns ó Plan de Conservación de Estradas de 2013, mantendo uns 350 empregos

A Xunta de Goberno aprobou prorrogar por un ano a adxudicación dos traballos de mantemento dos 4.200 quilómetros da rede viaria provincial a 7 empresas Martínez destacou o “gran esforzo inversor” do organismo lugués para mellorar as súas estradas, o benestar dos veciños e vertebrar o territorio, mentres espera a que “a Xunta desbloquee o proceso de transferencia, que mantén parado dende 2009”A Deputación asume os preto de 32.000 euros necesarios para poñer en servizo a traída de auga dos núcleos de Mourillón e Toubille, en Láncara, pola que agardan os veciños dende hai 5 anos e que non puido funcionar antes porque a adxudicataria das obras quebrou

A Deputación de Lugo destina preto de 5 millóns de euros ó Plan de Conservación de Estradas de 2013. Dos traballos de mantemento dos 4.200 quilómetros da rede viaria provincial ocuparanse as 7 mesmas empresas que o veñen facendo dende hai dous anos, pois a Xunta de Goberno aprobou este luns prorrogar por un ano e por un importe de 4.962.416,60 euros a adxudicación do Plan que o organismo provincial fixo en 2010.

O Voceiro provincial socialista e Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, destacou que co Plan de Conservación de Estradas “garantimos o bo estado da rede viaria provincial e, con elo, as condicións de seguridade das estradas e o benestar dos veciños, vertebramos o territorio, pero ademais creamos emprego”. Deste xeito, cos contratos deste proxecto, a Deputación “contribúe a manter uns 350 postos de traballo directos nas 7 firmas adxudicatarias, algo moi importante nun dos sectores máis castigados polo paro: A provincia de Lugo ten hoxe mil desempregados máis na construción que hai tres anos, o que supón un aumento do 30%”, sinalou Martínez.

8 Zonas

En 2010, a institución luguesa reestruturou a conservación de estradas, pasando de 13 a 8 zonas, unha medida coa que, segundo subliñou o Deputado, conseguiu:

Por un lado, aforrar custes, pois ó reducir as zonas tamén é menor o número de empresas adxudicatarias,” o que significa que a adxudicación nos sae máis barata porque a mesma empresa encárgase de máis Concellos”.

Por outro, “prestamos unha atención máis eficaz ós veciños porque o servizo está máis centralizado”.

As empresas adxudicatarias por Zonas son as seguintes:

Zona 1: adxudicada á UTE J. Sanjurjo S.L.-Carferlo S.L. Formada polos Concellos de Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba, que suman 530 quilómetros. Orzamento: 599.451,47 euros.

Zona 2: Adxudicada a Isidro Otero. Formada polos Concellos do Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova. Suman un total de 618 quilómetros. Orzamento: 774.119,17.

Zona 3: Adxudicada a Taboada e Ramos. Formada polos Concellos de Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla. Estes Concellos suman 668 quilómetros. Orzamento: 722.422,54.

Zona 4: Adxudicada a Taboada e Ramos. Formada polos Concellos de (Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela. Neste caso, a Conservación afecta a 680 quilómetros e o investimento ascende 668.251,32 euros.

Zona 5: Adxudicada a Carballeira S.L. Os municipios incluídos nesta zona son: Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna. Estes cinco Concellos suman 332 quilómetros e a Conservación é de 484.312,89 euros.

Zona 6: Adxudicada a Cymot S.A. Formada polos Concellos de Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Suman 334 quilómetros e un investimento de 486.235,50 euros.

Zona 7: Adxudicada a Construcciones Goñi. Formada polos Concellos Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil. En total, 313 quilómetros e 459.827,46 euros.

- Zona 8: Adxudicada a Construcciones Rafer. Formada polos Concellos de Bóveda, Pobra de Brollón, Monforte, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo. Neste caso o investimento é de 767.796,25 euros.

Aglomerado, rebacheo e sinalización

Nos últimos anos, a Deputación investiu máis de 60 millóns de euros na mellora con aglomerado en quente de 1.000 quilómetros de vías, o mellor material que existe no mercado para garantir a durabilidade e a seguridade nas nosas estradas. Acometeu tamén plans de rebacheo, como foi o de este ano, nas estradas dos 67 Concellos da provincia; e proxectos de sinalización e balizamento de todas as vías provinciais. Entre outras actuacións:

Colocou máis de 3.400 sinais (entre circulares, triangulares e stop).

Un milleiro de paneis direccionais, para alertar da presenza de curvas perigosas.

Máis de 400 balizas de neve, moi necesarias en estradas de alta montaña.

Sinalizou mediante hitos quilométricos todas as estradas da rede provincial, coa súa denominación. En total, colocou máis de 4.000 unidades.

Instalou cerca de 13.000 metros de barreiras de seguridade e máis de 4.700 metros de proteccións de seguridade para motoristas.

A Deputación fai “un gran esforzo” na conservación e mellora da rede viaria provincial, a máis extensa de España, “mentres seguimos esperando por que a Xunta complete o proceso de transferencia de estradas, que mantén bloqueado dende 2009”. A proposta recollida no Plan Director de Estradas de Galicia do pasado ano 2011 fixaba a transferencia de 213 quilómetros (30 estradas) da Xunta á Deputación, en tanto que esta traspasaba á Administración galega 142 quilómetros (14 estradas). Dado o desequilibrio entre unha oferta e outra, a Deputación propuxo engadir 7 estradas máis, que sumarían outros 94 quilómetros. A día de hoxe, a institución provincial non tivo resposta.

Traída en Láncara

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou o Plan de Seguridade e Saúde no Traballo das obras necesarias para poñer en servizo a traída de auga dos núcleos de Mourillón e Toubille, no Concello de Láncara, o último trámite necesario para poder iniciar os traballos, que, polo tanto, comezarán nos vindeiros días. Os veciños levan esperando polo funcionamento desta rede de abastecemento dende hai 5 anos, un servizo que non puido activarse antes porque a empresa que se ocupou das obras, acometidas a través dun POL de 2006, entrou en quebra.

As actuacións que asume agora a Deputación teñen un orzamento de 31.300 euros e un prazo de execución de un mes. Consistirán basicamente en reparar os equipamentos e dispositivos que se deterioraron durante o tempo que estiveron paradas a ETAP e o depósito da traída.