Deputación de Lugo

Lara Méndez participou na entrega de trofeos do maratón solidario de fútbol sala dos bombeiros

Imaxe deputación de lugo
A iniciativa dos bombeiros de Barreiros conseguiu mobilizar a persoas de toda a provincia, que colaboraron dende un principio con esta acción solidaria que rematou hoxe cun emocionante maratón de fútbol sala, un sorteo benéfico e unha demostración en vivo do labor destes profesionais Todos os alimentos e cartos recadados serán entregados proximamente ós Servizos Sociais dos Concellos de Barreiros, Foz, Burela, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, Alfoz, O Valadouro e Riotorto para o seu reparto entre as familias máis necesitadas destes ConcellosEstes profesionais que prestan servizos no Parque de Barreiros xa están pensando en novas iniciativas, que porán en marcha coa asociación con fins sociais que van crear en breve

A Vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, acudiu hoxe a Foz para facer entrega dos trofeos ós vencedores do maratón de fútbol sala que, con carácter solidario, organizaron os bombeiros que prestan servizos no Parque de Bombeiros de Barreiros, complexo do Consorcio Provincial integrado por Deputación de Lugo e Xunta de Galicia. Foi o acto que pechou unha semana na que non só estes profesionais da loita contra incendios da Mariña amosaron unha vez máis a súa vocación de servizo, senón que tamén o fixeron todos os lucenses que participaron activamente todos estes días. Dende un primeiro momento, tanto cidadáns particulares coma comerciantes e administracións volcáronse cos bombeiros de Barreiros aportando, na medida das súas posibilidades, tanto agasallos coma cartos para colaborar coas actividades programadas.

Estas iniciáronse formalmente o pasado xoves, cando seis bombeiros acudiron, en representación dos 22 que prestan servizos no parque de Barreiros, ó Hospital da Costa para entregar ós nenos e nenas ingresados na Unidade de Pediatría e ó propio centro hospitalario, os xoguetes e agasallos que, dende días antes, foron chegando ó Parque procedentes de negocios dos 10 Concellos ós que estes profesionais dan cobertura.

Alimentos por entradas

Finalmente o sábado ás 10:00 horas arrincou no focense pavillón Torques de Marzán o torneo benéfico de fútbol sala que enfrontou a equipos formados por bombeiros de Barreiros, Vilalba e Lugo e Gardas Civís, Policías Locais e persoal de Protección Civil e 061 destes 10 Concellos. A xornada transcorreu cun perfecto ambiente de camaradería e deportividade entre os contrincantes.

Esta mañá comezaron novamente os partidos, que foron presenciados por numeroso público que acudiu ó Pavillón cos alimentos que entregaron a xeito de entrada para acceder ás instalacións. Todo o recadado entregarase nos vindeiros días ós Servizos Sociais dos Concellos de Barreiros, Foz, Burela, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, Alfoz, O Valadouro e Riotorto para o seu reparto entre as familias máis necesitadas destes Concellos.

O ambiente estivo moi animado, xa que a todos os que asistiron a presenciar os encontros hai que sumar a cantidade de público que presenciou a demostración en vivo dos traballo dos bombeiros e do persoal de emerxencias do 061, durante o simulacro de excarceración que levaron a cabo. Moitos nenos e nenas acudiron tamén a ver de preto os camións de bombeiros que estaban situados tras o pavillón, e así coñecer mellor o traballo que fan e os medios cos que contan.

Unha vez rematados os partidos previos á final, chegou o momento do sorteo benéfico entre os asistentes e no que os afortunados recibiron os agasallos cedidos por establecementos comerciais, entre os que había diferentes prendas de roupa, variados complementos de vestir e bonos para servizos coma perruquerías. A recadación conseguida coas rifas, que se vendían a 2 euros, irá igualmente destinada a sufragar as necesidades de familias con poucos recursos.

Finalmente, a partires das 17:30 horas chegou o momento da final e a entrega de trofeos, coa que rematou a primeira das moitas iniciativas de carácter solidario que os bombeiros do parque de Barreiros planean organizar.

Asociación solidaria dos bombeiros

A primeira de moitas, xa que tal e coma eles manifestaron en días pasados, a súa intención é a de crear proximamente unha asociación con fins sociais, coa que tratarán de impulsar outros eventos solidarios para colaborar directamente cos colectivos máis desfavorecidos da Mariña, algo que sen dúbida, garda moita relación coa vocación de servizo que amosan sempre estes profesionais.