Deputación de Lugo

Preto de 200 lucenses participan dende hoxe en cinco novas accións formativas da Deputación de Lugo

181 persoas comezan hoxe cinco novos cursos enmarcados no Plan Agrupado de Formación que a institución provincial pón a disposición dos empregados públicos da provincia Hoxe comezan A inserción sociolaboral de persoas desempregadas, Procesos informáticos en materia de xestión e recadación tributaria, Xestión Catastral, Incidencia da reforma laboral nas Administración Públicas, Aplicación da normativa de Seguridade Vial e Transporte en vías urbanas e mañá Ferramentas Web 2.0: redes sociais e profesionais

A Deputación pon en marcha hoxe unha nova quenda de cursos dirixidos a empregados públicos de Lugo, pertencentes ó seu Plan Agrupado de Formación, nos que participan preto de 200 persoas que prestan os seus servizos nas Administracións Locais da provincia.

Os cursos que hoxe arrincan son A inserción sociolaboral de persoas desempregadas, Incidencia da reforma laboral nas Administracións Públicas, ambos “on line”; a segunda edición do curso de actualización dirixido a membros das Policías Locais dos Concellos lucenses Aplicación da normativa de Seguridade Vial e Transporte en vías urbanas; Xestión catastral e Procesos Informáticos en materia de xestión e recadación tributaria. A excepción da formación dirixida ó corpo de policía, que se celebra nas instalacións que a Policía Local de Lugo ten na zona de San Fiz, o resto dos cursos presenciais terá lugar nas Aulas de Formación que a Deputación de Lugo ten na Rúa San Marcos.

A estes hai que sumar Ferramentas Web 2.0: redes sociais e profesionais, que se celebrará a partir de mañá nas Aulas do In Lugo, situadas nas rúa Frei Plácido Rei Lemos da capital lucense.

Estes cursos están abertos a todos os empregados públicos da provincia, entre os que esta formación ten, todos os anos, unha gran demanda. De feito, ademais dos propios do organismo provincial, hai traballadores procedentes de Concellos de toda a provincia, como é o caso de Foz, Guitiriz, Palas de Rei, Pedrafita, Pastoriza, Castro de Rei, Portomarín, Alfoz, Becerreá, Cervantes ou Lugo.