Deputación de Lugo

A Deputación aproba novos servizos para 4 Concellos con 110.000 euros, cofinanciados con fondos da Unión Europea

A Xunta de Goberno acordou a construción dun parque ambiental en Becerreá para potenciar o benestar, así como a adquisición de medios para a recollida do lixo en Negueira de MuñizA institución provincial aprobou melloras no abastecemento de agua na localidade focense de Raulfe e a rehabilitación da fonte do Cachón, na parroquia viveirense de Santa María do Campo

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, deu conta este venres dos asuntos aprobados pola Xunta de Goberno de hoxe, na se aprobaron novos servizos para os Concellos de Becerreá, Negueira de Muñiz, Viveiro e Foz por valor de 110.000 euros, cofinanciados con fondos da Unión Europea.

A sesión acordou a contratación das obras de construción do primeiro parque ambiental en Becerreá. Trátanse dunhas actuacións dotadas de 57.000 euros. Desta cantidade, 11.500 euros son fondos propios da institución provincial mentres que 45.500 euros son fondos da Unión Europea, que a Deputación recibiu no marco do programa comunitario Lug02, e que está obrigada a investir en actividades que melloren as prestacións sociais nos Concellos lugueses. No caso de non facelo, perdería estes cartos.

O parque ambiental estará situado na zona próxima do parque A Carballeira de Xesteda e das piscinas municipais. O Concello xa puxo a disposición do organismo lugués este terreo co obxectivo de ofrecer os seus veciños unha ampla zona para practicar actividades que aumenten a calidade de vida. Esta dotación social contará cunha vintena de aparellos, por exemplo, barra de equilibrio, escaleira de trepa, rocódromo ou unha tironila, que poderán empregar, non só cativos, senón tamén maiores co fin de impulsar a calidade de vida dos cidadáns dun municipio onde preto do 40% da poboación supera os 60 anos.

A Xunta de Goberno aprobou un convenio mediante o cal a Deputación, dentro da súa aposta pola máxima cooperación cos Concellos, concede 30.000 euros ó municipio de Negueira de Muñiz co fin de adquirir medios para a recollida do lixo.

Nos Concellos de Foz e Viveiro, a Deputación aprobou dúas obras, enmarcadas no Plan de Comunidades Veciñais, por valor de 23.000 euros, financiados ó 100% pola Deputación. Estas actuacións consistiron na mellora do abastecemento de auga na localidade focense de Raulfe, por valor de 11.000 euros, e na rehabilitación da fonte do Cachón, na parroquia viveirense de Santa María do Campo, por valor de 12.000 euros.

Por outra banda, a institución acordou a expropiación de 66 fincas, por valor 119.364 euros, co fin de executar, proximamente, melloras en seis quilómetros da estrada de Armesto por Torés ás Nogais.