Deputación de Lugo

Rotundo éxito de participación na xornada de busca de traballo organizada pola Deputación de Lugo

Centos de participantes encheron o Salón de Actos do Pazo Provincial para escoitar ós mellores especialistas na busca de traballo na 1ª xornada Presente e futuro das políticas de emprego”programada como peche do I Pacto Provincial polo Emprego “O gurú do “coaching” Alfonso Alcántara foi o encargado de pechar o día cunha intervención na que ofreceu consellos para aproveitar ferramentas web e as redes sociais na busca de emprego, as profesións máis demandadas na rede ou como “vender” as habilidades de cada un cos “currículos 2.0”A programación de peche do I Pacto Provincial polo Emprego continuará a vindeira semana con novas xornadas de “Formación para o emprego” en Lugo, Monforte e Viveiro. A participación é gratuíta. Información e inscricións www.deputacionlugo.org

A Deputación de Lugo celebrou cun enorme éxito as 1ª das catro xornadas previstas coma peche do I Pacto Provincial polo Emprego, programa impulsado para fomentar a inserción laboral na provincia, que facilitou a preto de 1.000 lucenses desempregados formación teórica e práctica nos xacementos de emprego da provincia a custe cero. Esta programación contou co 80% de finanzamento de fondos procedentes da Unión Europea.

Centos de persoas asistiron dende primeira hora da mañá ás interesantes ponencias que tres especialistas en técnicas de busca de traballo espuxeron os seus coñecementos a disposición dos asistentes, en materias coma as oportunidades que ofrecen sectores coma os chamados “empregos verdes” -que medraron un 235% na última década e que seguirán xerando uns 200.000 empregos ata 2015 no país-, ou as axudas europeas do Fondo Social, que correron de mans de Luis Baneira Gómez, experto na xestión do Fondo Social Europeo e Marcos Pérez Gulín, Presidente de Galicia Sustentable, respectivamente.

Os consellos do gurú do “coaching 2.0”

Unha das intervencións que máis expectación xerou foi a de Alfonso Alcántara, reputado “coaching” que ofreceu ó numeroso auditorio presente as claves para aproveitar os mellores coñecementos e habilidades de cada un, de cara a consecución dun obxectivo, que neste caso é atopar emprego. Durante a súa animada intervención, Alcántara abordou cuestións moi variadas, como consellos para elaborar un currículo efectivo aproveitando as novas tecnoloxías e as posibilidades que ofrece Internet; “vender” do xeito máis produtivo as habilidades propias; pistas acerca das profesións máis demandadas e de máis futuro na Rede, ou cales son e como empregar as mellores ferramentas 2.0 para atopar emprego.

Ó remate desta intervención, o Presidente da Deputación de Lugo, presente na mesma, agradeceu a presenza de Alcántara e dos outros profesionais que durante toda a xornada compartiron os seus coñecementos sobre a busca de emprego. Tamén tivo palabras de agradecemento a todos os participantes no programa, agardando que as “vindeiras edicións do Pacto acaden o mesmo éxito que esta que agora remata”. Gómez Besteiro rematou a súa intervención transmitindo unha mensaxe de optimismo a todos os que se atopan no difícil camiño de atopar un emprego, “o mellor valor co que contades sodes cada un de vos”

Próximas xornadas “Formación para o emprego”

A programación coa que se pecha este I Pacto Provincial polo Emprego, completarase a semana que vén con novas xornadas de “Formación para o emprego”, previstas para o luns, o martes e o mércores. A primeira delas terá novamente coma escenario o Salón de Actos da Deputación, coincidindo co acto de entrega de diplomas acreditativos ós participantes nesta primeira edición do Pacto, e xa o martes e o mércores, será nas localidades de Monforte de Lemos e Viveiro, respectivamente, as que acollerán outras interesantes ponencias e a correspondente entrega de diplomas ós participantes no Pacto.

Aqueles interesados en asistir, tan só deberán cumprimentar o formulario que poderán atopar na web www.deputacionlugo.org. Esta programación está dirixida a Axentes de Desenvolvemento Local, técnicos de emprego, participantes do Pacto Provincial polo Emprego, desempregados e público en xeral. A participación é totalmente gratuíta.