Deputación de Lugo

Os bombeiros de Barreiros recadan alimentos para familias con dificultades económicas dos 10 Concellos nos que prestan servizo

Farano nun maratón de fútbol sala benéfico os días 15 e 16 de decembro no Torques de Marzán de Foz cuxa entrada terá un único requisito: traer algún lote de comidaComerciantes da zona colaboran concedendo produtos para un sorteo tamén benéfico o día 16, e xoguetes que os propios bombeiros entregarán ós nenos ingresados no Hospital da Costa o venres 14Todo o recadado irá a mans dos Servizos Sociais municipais que o distribuirán entre as familias de Barreiros, Foz, Burela, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, Alfoz, O Valadouro e Riotorto que o necesitenOs interesados en sumar esforzos con esta causa poden contactar cos organizadores en bomberosbarreiros@gmail.com, 605-81-33-74/ 606-80-80-40, ou ben facer un donativo no seguinte número de conta do Banco Santander: 0049-12-2953-2190287441

O Deputado provincial Alfredo Llano, o Xefe do Servizo de Emerxencias da Consellería de Presidencia en Lugo, Javier Vales Villamarín, xunto cos cabos Fernando González e Álvaro Pico, presentaron este mércores as actividades benéficas que organizan os profesionais do Parque de Bombeiros de Barreiros, complexo posto en marcha polo Consorcio Provincial que integra Deputación de Lugo e Xunta de Galicia, co obxectivo de axudar a familias con dificultades económicas, pertencentes ós 10 Concellos mariñás nos que prestan cobertura, de cara ó Nadal. Estes municipios son: Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Trabada, Mondoñedo, Lourenzá, Alfoz, O Valadouro e Riotorto. No acto tamén participaron representantes de Veicar, entidade adxudicataria da xestión indirecta das instalacións contraincendios do Consorcio na zona norte da provincia. (Barreiros, Viveiro e Vilalba).

Un maratón de fútbol sala para recadar alimentos. Esta é a iniciativa preparada para os días 15 e 16 de decembro, no Torques de Marzán, de Foz. Bombeiros dos parques de Barreiros, Viveiro, Vilalba e Lugo, ademais de Gardas Civís, Policías Locais e persoal dos servizos de Protección Civil e do 061 -todos eles de ditos 10 Concellos- participarán nesta iniciativa, formando entre 9 e 12 equipos. A entrada ó pavillón, aínda que de balde, terá un único requisito: traer algún lote de comida. Todo o recadado entregaráselle, posteriormente, ós traballadores dos Servizos Sociais dos municipios beneficiados co fin de que sexan estes profesionais, como máximos coñecedores da situación social dos seus Concellos, os que distribúan estes alimentos segundo as necesidades das familias que así o requiran.

O sábado 15, os encontros comezarán ás 10:00 horas e prolongaranse durante todo o día. O domingo 16, a xornada tamén arrincará ás 10:00 e continuará ata as 16:30 horas, momento no que se realizará un sorteo tamén con fins benéficos.

Comercio solidario

Sortearanse produtos moi variados, dende roupa (camisetas, bufandas...), complementos (bolsos, xoias...) e ata bonos para perruquería, que os establecementos destes 10 municipios concederon ós bombeiros de Barreiros de xeito totalmente desinteresado co obxectivo de colaborar na organización desta iniciativa. As rifas custarán 2 euros. Todo o diñeiro recadado tamén irá a parar a mans dos traballadores dos Servizos Sociais municipais.

Logo do sorteo, ás 17:30 disputarase a final deste maratón benéfico de fútbol sala. Finalmente, ás 19:00 horas, o Presidente do Consorcio Provincial de Bombeiros e da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, fará entrega dos premios ós gañadores.

Entrega de xoguetes no Hospital

Os comerciantes da zona tamén concederon ós profesionais do complexo contraincendios barreirense xoguetes, que estes profesionais entregarán ós nenos ingresados na unidade de pediatría do Hospital da Costa, en Burela, o día 14 de decembro.

Xornada de portas abertas

Co fin de contribuír a que xente participe nestas actividades benéficas, os bombeiros organizarán o domingo 16 unha xornada de portas abertas, que terá lugar detrás do pavillón Torques de Marzán, simultaneamente ó Maratón de Fútbol, dende ás 11:00 horas e ata ás 16:00 horas, na que se poderá coñecer polo miúdo o servizo que prestan estes profesionais, así como os medios dos que dispoñen para elo. Esta iniciativa incluirá un simulacro de excarcelación, que se levará a cabo coa colaboración do 061.

Colaboracións

Todas as persoas que desexen colaborar con esta causa poden poñerse en contacto cos seus organizadores mediante correo electrónico, en bomberosbarreiros@gmail.com, ou por teléfono, chamando a 605-81-33-74/ 606-80-80-40. Tamén hai un número de conta para facer donativos: Banco Santander 0049-12-2953-2190287441.

Crear unha asociación social

Esta é a primeira actividade que organizan os bombeiros do Parque Comarcal de Barreiros pero non a última. O obxectivo destes profesionais é crear unha asociación con fins sociais para seguir impulsando actividades benéficas e axudar a persoas en risco de exclusión social da Mariña.