Deputación de Lugo

A Deputación mobiliza 6 quitaneves para despexar as vías provinciais de Pedrafita, O Courel, Becerreá e Cervantes

O departamento de Vías e Obras puxo en marcha un operativo para garantir a circulación e a seguridade dos condutores nas estradas ante as nevadas rexistradas nas últimas horas

A Deputación de Lugo activou a primeira hora deste domingo un operativo do Plan Invernal de Estradas ante as precipitacións de neve rexistradas nas últimas horas nas zonas altas da provincia. Deste xeito, a través do departamento de Vías Obras, o organismo provincial mobilizou 6 máquinas quitaneves, que a partir das 7 desta mañá despexaron as estradas provinciais que discorren polos Concellos de Pedrafita, O Courel, Becerreá e Cervantes.

O feito de que a última hora da xornada de onte houbese nalgúns puntos destas vías uns 5 centímetros de neve acumulados e a previsión de que as precipitacións continuase ó longo da noite, fixo que Vías e Obras activase o dispositivo co fin de garantir a circulación e a seguridade dos condutores nestas estradas.

O operativo activado forma parte do Plan Invernal 2012-2013 que puxo en marcha a Deputación de Lugo a primeiros de novembro e que permite actuar coa máxima axilidade en casos de temporais ou sucesos puntuais, para conservar e manter sempre en perfectas condicións a rede viaria provincial, a máis extensa de España, con máis de 4.000 quilómetros. A institución luguesa mantén despregados polas 8 zonas nas que ten dividida a súa rede de estradas un total de 102 operarios e 54 vehículos.