Deputación de Lugo

45 rapaces comezan hoxe os obradoiros artesanais gratuítos do CENTRAD

Son os primeiros dun total de 90 nenos de entre 5 e 15 anos que participarán nestas actividades organizadas pola Deputación para as vacacións escolares e que inclúen cursos para elaborar obxectos, coroas e centros decorativos de Nadal e fabricación de pezas con moldes

45 rapaces de entre 5 a 15 anos inician hoxe os obradoiros de Nadal que, de xeito gratuíto, organiza a Deputación de Lugo no Centro de Artesanía e Deseño. Son cursos nos que os rapaces aprenderán a facer unha serie de obxectos de temática navideña empregando variadas técnicas e materiais. Entre hoxe e o vindeiro día 28, esta primeira quenda de nenos lucenses poderá gozar dun tempo de ocio diferente xunto con outros compañeiros da súa mesma idade, ó tempo que as familias contarán cunha axuda adicional para conciliar traballo e familia nestas datas festivas.

Con este obxectivo, e co de achegar a tradición artesanal e as técnicas de deseño máis actuais ós máis novos, a Deputación vén organizando estas actividades durante as épocas de lecer escolar, coma as vacacións de verán, a Semana Santa e nestas do Nadal. Cun éxito renovado en cada convocatoria, agora serán un total de 90 rapaces da provincia os que, tanto nesta primeira quenda coma na segunda, que se celebrará entre os días 2 e 4 de xaneiro, participarán nesta programación de ocio.

Os obradoiros celébranse nas instalacións coas que conta o CENTRAD na travesía da rúa Chantada da capital lucense, e serán un total de seis cursos de diferentes temáticas, pensados para adaptarse ás idades e capacidades dos nenos participantes, incluso no caso de nenos con necesidades especiais. Para estes, que contan co 15% das prazas reservado, tanto as idades de admisión coma os horarios son axustados convenientemente co fin de que eles tamén poidan aproveitar ó máximo a experiencia.

Os nenos de 5 a 8 anos participarán no obradoiro de “Reciclaxe no Nadal”, no que elaborarán obxectos decorativos relacionados con esta época do ano, con materiais de refugallo coma envases, cartón e papel. Os de 9 a 11 dispoñen do obradoiro de “Coroas e centros de Nadal”, no que traballarán combinando materiais de orxe natural coma abeto ou liquen, con outros artificiais coma arame ou cinta adhesiva. Finalmente, no de “Fabricación de moldes e produción de pezas”, nenos de 11 a 15 anos farán todas as pezas que imaxinen empregando siliconas, látex ou escaiola.

O horario será o mesmo para todo os cursos: de 9:00 a 14:00 horas, cun descanso de 11:00 a 11:30 horas, durante o que poderán repoñer forzas co almorzo que traian da casa os que así o desexen. A mañá rematará con diferentes actividades de ocio dirixido e visitas ós obradoiros e exposicións dos Centro.