Deputación de Lugo

Regina Polín entregou ós diplomas dos Obradoiros de Nadal da Deputación de Lugo á 1ª quenda de 'pequenos artesáns'

Trátase dos primeiros 45 do total de 90 nenos de 5 a 15 anos que participarán nestas actividades postas en marcha pola Deputación co obxectivo de conciliar a vida familiar e laboral durante todos os períodos de lecer escolar dos nenos Os restantes 45 nenos tomarán parte na 2ª quenda destes obradoiros, que se celebrarán entre os días 2 e 4 de xaneiro e nos que aprenderán a fabricar obxectos, coroas e centros decorativos de Nadal con diferentes materiais e moldes que fabricarán eles mesmos

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, entregou este venres os diplomas acreditativos de participación ós 45 rapaces de entre 5 e 15 anos que veñen de participar na primeira das dúas quendas de obradoiros organizados pola Deputación de Lugo no CENTRAD neste Nadal.

Cos obxectivos de facilitar ás familias lucenses unha oportunidade máis para poder conciliar conciliar vida laboral e familiar nestas datas e de achegar a tradición artesanal e as técnicas de deseño máis actuais ós máis novos, a institución provincial organiza estas actividades durante as épocas de lecer escolar, coma as vacacións de verán, a Semana Santa e o Nadal.

Os nenos de 5 a 8 anos participan no obradoiro de “Reciclaxe no Nadal”, no que elaborarán obxectos decorativos relacionados con esta época do ano, con materiais de refugallo coma envases, cartón e papel. Os de 9 a 11 dispoñen do obradoiro de “Coroas e centros de Nadal”, no que traballarán combinando materiais de orxe natural coma abeto ou liquen, con outros artificiais coma arame ou cinta adhesiva. Finalmente, no de “Fabricación de moldes e produción de pezas”, nenos de 11 a 15 anos farán todas as pezas que imaxinen empregando siliconas, látex ou escaiola.

2ª quenda en xaneiro

Os 45 rapaces restantes comezarán os obradoiros da segunda quenda entre os días 2 e 4 de xaneiro. O horario será o mesmo: de 9:00 a 14:00 horas, cun descanso de 11:00 a 11:30 horas, durante o que poderán repoñer forzas co almorzo que traian da casa os que así o desexen. A mañá rematará con diferentes actividades de ocio dirixido e visitas ós obradoiros e exposicións dos Centro.