A Deputación de Lugo acolle unha nova xornada de formación en técnicas para a busca de traballo e autoemprego
A Deputación de Lugo continúa cos actos de peche do I Pacto Provincial polo Emprego, programa impulsado para fomentar a inserción laboral na provincia que, cun 80% de financiamento con fondos europeos, permitiu a creación de máis de 100 postos de traballo en xacementos de emprego da provincia. Isto foi posible coa formación teórica e as prácticas laborais ás que, a custe cero, puideron acceder centos de desempregados lucenses.
Tras a excelente acollida que tivo a sesión celebrada a pasada semana no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, que se quedou pequeno para acoller a un gran número de asistentes interesados nos temas abordados -as oportunidades laborais que ofrece o sector dos chamados empregos verdes, as axudas á creación de emprego do Fondo Social Europeo ou a orientación laboral e motivación para a busca de emprego-, nesta ocasión serán as ferramentas na busca de traballo e o autoemprego o eixe central das actividades previstas.
Formación para o emprego
A xornada dará comezo ás 10:30 horas, coa intervención dunha experta en Fondos Europeos e xestión e dirección de Pemes e cooperativas, que compartirá cos asistentes os seus coñecementos en cuestións coma a utilidade das ferramentas oficiais en Rede para a busca de emprego; cales son as principais vías para acceder á formación e obtención de certificados de profesionalidade ou como o autoemprego pode ser unha saída laboral. A continuación celebrarase unha mesa redonda, moderada polo xornalista Javier Rivera, na que participarán responsables dalgunhas das entidades e asociacións que se encargaron de impartir a formación do I Pacto Provincial polo Emprego, coma Cogami, Cruz Vermella ou a Fundación Laboral da Construción.
Ó remate da xornada, o Presidente da Deputación participará no acto de clausura durante ó que fará entrega dos diplomas acreditativos ós lucenses da zona centro que tomaron parte nesta primeira fase do Pacto.
Próximas xornadas
As actividades continuarán os días 4 e 5 de decembro, coas xornadas que se celebrarán nas localidades de Monforte de Lemos e Viveiro. Esta programación gratuíta posta en marcha pola institución provincial está dirixida tanto a Axentes de Desenvolvemento Local ou técnicos de emprego coma os propios participantes do Pacto Provincial polo Emprego, así coma a desempregados e público en xeral. Os interesados en participar tan só teñen que cumprimentar o formulario de inscrición que poderán atopar, xunto con toda a información necesaria, na web www.deputacionlugo.org