Deputación de Lugo

Deputación e Concello de Becerreá impulsan unha nova edición da Festa de Exaltación dos produtos do mar na Montaña

O Deputado provincial e Alcalde de Becerreá Manuel Martínez presentou a 5ª edición da Festa, que se celebrará entre o 5 e o 7 de decembro, e no que se degustarán uns 2.000 quilos de mexillóns Esta iniciativa púxose en marcha co obxectivo de atraer visitantes ata o Concello para impulsar a economía local e como labora de promocións dos produtos autóctonos propios de cada zona no resto da provincia As actividades darán comezo o día 5 nos locais de hostalería do Concello, que ofrecerán diferentes receitas baseadas no mexillón, e continuarán ata o día 7 coa degustación organizada polo Concello no Multiusos da localidade

O Deputado provincial e Alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, presentou este luns no Salón Verde do Pazo de San Marcos, a V Festa de Exaltación dos produtos do mar na montaña, e no que o produto estrela será un ano máis o mexillón. Todos os establecementos hostaleiros da localidade xunto con outros tres do cercano Concello de Baralla ofrecerán ducias de preparacións diferentes deste popular molusco, que poderán ser degustados por todos os que se acheguen ata a localidade entre os días 5 e 7 de decembro.

Martínez subliñou que “como Alcalde quero resaltar a importancia de manter este tipo de colaboracións, porque estes eventos supoñen un importante impulso á economía local e contribúen a situar no mapa turístico ós Concellos que os acollen e tamén ós da zona”. Destacou que a colaboración económica da Deputación é fundamental para manter estes eventos, que supoñen un fito importante para a vida local. Gustarianos ter conseguido a mesma colaboración por parte doutras administracións”. Nesta liña afirmou que durante os días da Festa é notable o incremento de visitantes en Becerreá, “moitos dos cales antes pasaban de largo cara ós Ancares e que comezaron a deterse en Becerreá os días da festa. Moitos deles visítannos noutras épocas do ano”

A Deputación destinou este 2012 un total de 100.000 euros, contemplados no Plan Estratéxico de Subvencións do INLUDES, para poñer en valor, difundir e mellorar a comercialización dos produtos autóctonos da provincia como unha vía para revitalizala economía luguesa, sobre todo na zona rural.

Actividades dende o día 5

As actividades darán comezo o día 5, no que todos os bares e restaurantes da localidade , xunto con outros tres de Baralla que tamén se sumaron a esta iniciativa, ofrecerán ós seus clientes diferentes preparacións co mexillón como ingrediente principal. O Concello é o encargado de distribuír de xeito gratuíto preto de 2 toneladas deste molusco entre estes establecementos.

O día 7 será o día forte da Festa. A partires das 20:00 horas, no recinto do Multiusos, o Concello ofrecerá a todos os visitantes unha degustación deste produto. Para participar só hai que retirar o prato conmemorativo, que este ano ten como motivo decorativo a ponte de Cruzul, ó prezo simbólico de 4 euros. Precisamente a decisión de que esta imaxe ilustre o prato responde ó desexo do Concello de promocionar este ben arquitectónico que está a espera de obter a declaración de Ben de Interés Cultural (BIC).

A programación completarase con xogos infantís e ambientación musical a cargo dun dúo.