Deputación de Lugo

32 rapaces do Colexio Divina Pastora de Lugo inauguran as visitas lúdicas da Escola de Imaxe e Son

Estes alumnos participaron hoxe na gravación dun informativo producido, editado e realizado polos alumnos da Escola de Imaxe e Son

32 nenos do centro educativo lucense Divina Pastora tomaron parte nas actividades gratuítas organizadas pola Fundación TIC co obxectivo de achegar ós máis novos ás novas tecnoloxías dun xeito lúdico e diferente.

Os rapaces coñeceron de preto o traballo diario dun estudo de televisión –coma a produción, edición, realización e postprodución de audiovisuais-, o que lles permitiu coñecer polo miúdo as instalacións da Escola de Imaxe e Son (EIS) e do Centro de Produción de Programas (CPP). Ó final da xornada, cada un deles levou para casa unha copia do informativo posto en marcha polos alumnos da EIS e no que estes escolares participaron activamente.

A Divina Pastora é o primeiro dos nove centros que xa se sumaron a esta iniciativa, que tivo unha acollida moi positiva. Aínda restan semanas libres, de xeito que os colexios interesados poden poñerse en contacto cos responsables da Fundación para organizar as visitas, que a partir de agora terán lugar os venres.