Deputación de Lugo

O 'faino ti mesmo' chega ó Centro de Artesanía e Deseño con cursos de transformación de roupa e restauración de mobles

Regina Polín presentou esta mañá unha nova tempada cursos do CENTRAD que combinarán ensinanzas propias de oficios tradicionais con técnicas de carácter máis práctico para aprender a tranformar e dar novos usos a obxectos cotiás usados ou vellosSerán 19 obradoiros con máis de 160 prazas dispoñibles e máis de 700 horas de formación en materias coma xoiería, costura, restauración de mobles, coiro, cestaría ou madeira, que se celebrarán nos Concellos de Lugo, Monforte, Xermade, Cervantes e Ribadeo O prazo de inscrición comeza hoxe e rematará cinco antes do comezo de cada curso. Máis información en www.deputacionlugo.org ou no teléfono 982 210 066

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou esta mañá unha nova tempada de cursos do CENTRAD que, por primeira vez, combinarán ensinanzas propias de oficios tradicionais, coma a cestaría ou o tear, con outras técnicas actuais de marcado carácter práctico, coas que os alumnos poderán aprender a transformar e dar novos usos a obxectos cotiás usados ou vellos, coma mobles ou roupa.

“Arranxa ás túas prendas”, “Decora a túa roupa”, “Iniciación ó patchwork” e “Restauración de mobles” son algún destes novidosos cursos cos que os participantes poderán dar un novo aspecto ás súas prendas e fogares. Tal e como destacou Polín “todos temos obxectos nas nosas casas que aínda poden ofrecer novos e variados usos. En tempos de crise hai que botar man da imaxinación”. Pero tamén haberá outras accións formativas coma “Técnicas básicas de xoiería” ou “Modela as túas propias xoias”, coas que poder iniciarse na fabricación de xoias empregando materiais nobres ou pastas modelables. Igualmente, os lucenses que dispoñan de xardín ou horto poderán darlle un aspecto coidado ó tempo que protexen os seus cultivos facendo peches ou adornos con vimbio grazas a “Decoración de hortos e xardíns con vimbio”.

Estes son algúns dos 19 cursos que a Deputación porá en marcha no Centro de Artesanía e Deseño, situado en Lugo, e noutros Concellos da provincia. Tendo en conta a intención dos responsables provinciais de descentralizar a formación, algún destes cursos celebraranse en Monforte, Xermade, Ribadeo e Cervantes, onde se impartirá un curso de tear no que se usarán teares tradicionais restaurados polos artesáns do CENTRAD . Durante o acto de presentación, Polín subliñou a importancia de que o maior número posible de lucenses teñan a oportunidade de acceder á formación en técnicas artesanais, posto que este é un sector “de xeración de emprego de primeiro nivel, especialmente no rural”. Precisamente para que ninguén quede fóra desta formación, os responsables provinciais fixeron un esforzo para reducir os prezos de matrícula á metade con respecto a anteriores edicións. “Despois desta rebaixa, o prezo resultante de cada hora de formación é de só 0,50 euros”, tal e como destacou a Deputada da Área.

163 prazas para 19 cursos

Os 19 cursos programados darán comezo o vindeiro día 9 de marzo e desenvolveranse ata finais do mes de xuño. Son en total 760 horas de formación centradas en técnicas coma xoiería, téxtil, coiro, cestaría, cerámica e madeira.

No Centro de Artesanía e Deseño celebraranse os cursos “Iniciación á xoiería. Técnicas básicas”; “Xoiaría experimental”; “Modela as túas xoias”; “Construción de caixas de coiro”; “Iniciación ó coiro”; “Iniciación ó patchwork”; “Arranxa as túas prendas”; “Perfeccionando a túa técnica de tecido”; “Decora a túa roupa”; Escultura cerámica” e “Restauración de mobles”. No Centro de Cestaría do río Rato será o escenario de “Recuperando o pasado. Bandexas de vimbio”; “Cestaría de xuncos”; “Decora o teu xardín con vimbio” e “A arte de cestear. Esculturas en vimbio”.

Fóra de Lugo serán os cursos “Aprendendo a tecer en tear tradicional”, que se celebrará no interior dunha das pallozas tradicionais do Concello de Cervantes; “Feltro”, en Monforte de Lemos; “Torneado de madeira” na Aldea Artesán A Fraga, no Concello de Xermade, e “Cestaría de reciclaxe” na Casa do Mar de Ribadeo.

Máis información

O prazo de solicitude destes cursos comeza hoxe mesmo e rematará cinco días antes da data do comezo de cada obradoiro, tendo preferencia todos aqueles solicitantes que non realizaran estes mesmos cursos nos dous últimos anos, en cuxo caso terán que agardar a que queden prazas vacantes. A matrícula para estes cursos farase online. Para elo, os interesados terán que acceder á páxina www.deputacionlugo.org, na que poderán atopar o modelo de solicitude para formalizar a inscrición, que deberán encher cos seus datos. Unha vez cuberto este formulario de inscrición, a aplicación informará ó interesado se está admitido ou se, pola contra, está en lista de espera.

Cada alumno poderá participar nun único curso por tempada, agás no caso de que resten prazas vacantes noutros cursos unha vez pechado o prazo de inscrición. Os alumnos que cumpran a totalidade de horas do curso ou ben só faltaran, xustificadamente, un 10% da carga horaria do mesmo, poderán obter os correspondentes diploma e certificación de asistencia.

Para obter máis información sobre datas, horarios, prezos de matrícula e inscricións, os interesados poden consultar a páxina web anteriormente citada, chamar ó teléfono 982 210 066 ou ben achegarse ata as instalacións do CENTRAD (Travesía Rúa Chantada, s/n)